Redacción •  Galicia •  05/10/2022

Multitudinaria manifestación para defender os postos de traballo de ENCE-Lourizán

Pontevedra acolleu o venres unha multitudinaria manifestación para esixir a continuidade de Ence en Lourizán. A mobilización foi convocada polos comités de empresa de fábrica e de oficinas centrais do grupo, co apoio de Comisións Obreiras.

Multitudinaria manifestación para defender os postos de traballo de ENCE-Lourizán

Pontevedra acolleu o venres unha multitudinaria manifestación para esixir a continuidade de Ence na súa actual localización. A presidenta do comité de oficinas de Ence, Ana Cedeira (CCOO), foi contundente: «imos pelexar por Ence e por Ence en Lourizán». O presidente do comité de empresa da fábrica, Manuel Rivas (CCOO), precisou: «Nós só queremos traballar, sabemos o que facemos, como o facemos e onde facelo».

A mobilización foi convocada polos comités de empresa de fábrica e de oficinas centrais do grupo, co apoio de Comisións Obreiras. Na marcha, a Comisión Executiva Nacional de CCOO estivo representada pola secretaria xeral, Amelia Pérez, a secretaria de Organización, Leila Piñeiro, e polo secretario de Acción Sindical, Armando Iglesias, xunta os principais cadros sindicais de CCOO na comarca de Pontevedra, coa secretaria comarcal Pilar Mosquera á fronte. A Confederación de CCOO mostrou o seu apoio coa participación de María Cardeñosa, membro da Comisión Executiva, pola imposibilidade de asistir do secretario xeral, aínda que o compañeiro Unai Sordo visitará ás instalacións de Lourizán o próximo mes en mostra deste apoio.

Co lema «ENCE en Lourizán», que portaban nunha pancarta os representantes dos comités de empresa, iniciábase a marcha. Ao longo do percorrido escoitáronse mensaxes como «queremos traballar e non esmolar», «Ence si, paro non», «Goberno escoita, Ence esta en Loita», «De Lourizán non nos moverán», e víronse outras pancartas con lemas alusivos ao impacto económico na comarca, como «a madeira é o pan dos nosos fillos». Precisamente, o sector forestal galego estivo amplamente representado na manifestación.

Na praza de España, onde se sitúan a sede da Subdelegación do Goberno e o Concello de Pontevedra, leuse o manifesto no que a representación sindical do persoal afectado resaltou que: «levamos moitas noites sen durmir», «é o peor pesadelo». «Sentímonos enganados, traizoados, utilizados», incidíase no manifesto. «Non é normal que a esquerda deste país queira rebentar os postos de traballo en Lourizán mentres apoia a Ence en Navia e nas Pontes». 

Reaccións do Goberno do Concello de Pontevedra

O Goberno do Concello de Pontevedra BNG-PSOE, a través da súa portavoz Anabel Gulías, mantén o seu discurso demagóxico de que, «a única vía para garantir os postos de traballo é o traslado de Ence», reducindo o problema laboral aos postos directos que xera a fábrica. A edil do BNG insistiu en que ENCE debe saír de Lourizán e buscar unha nova localización «dentro de Galicia», sen especificar onde, como e quen fara o investimento necesario.

Sorprendentes foron as declaracións de Iván Puentes, concelleiro de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible do PSOE, que mostrou o seu descontento pola sucidade acumulada nos xardíns da praza de España, lugar de remate da protesta, que amenceron cubertos de papel hixiénico. 

Repercusión do peche de Ence en Lourizán

Os comités de Ence alertan de que a desaparición de Ence en Lourizán afectaría tanto a traballadores e traballadoras da planta como das empresas auxiliares, transportistas, empresas de subministracións e persoal do sector forestal.

As repercusións atanguerían, tamén, a todo o sector dos servizos da comarca de Pontevedra: hostalaría, comercio, actividades profesionais de xestión, empresas de lecer, etc. A perda desta actividade económica provocaría unha profunda crise, coa desaparición de miles de postos de traballo directos e indirectos.

Desde CCOO conclúen que a actividade industrial é sostible e, polo tanto, a súa riqueza é «perfectamente compatible» co respecto e o coidado do medio ambiente, así como coas actividades relacionadas co mar.

«Non somos só as máis de 5000 familias que vemos gravemente ameazada a nosa forma de vida e o noso sustento, senón tamén unha cidade e unha comarca que dificilmente poderían repoñerse dun golpe como o peche da súa principal industria», sinalou Ana Cedeira ao remate da mobilización.


CCOO Galicia /