Redacción •  Galicia •  04/11/2022

Traballadoras dos SAF de toda Galiza mobilizaranse este sábado día 5 en Santiago por un convenio digno

A manifestación, convocada por CIG-Servizos, sae da Alameda ás 18:00h.

Traballadoras dos SAF de toda Galiza mobilizaranse este sábado día 5 en Santiago por un convenio digno

Traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de toda Galiza mobilizaranse este sábado día 5 en Santiago convocadas pola CIG-Servizos para rexeitar o preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT coa patronal e para reclamar unhas condicións laborais e salariais dignas. A marcha a pé arrincará da Alameda ás 18:00 horas e rematará na praza de Praterías da capital galega.

A protesta fai parte do intenso calendario de mobilizacións que o colectivo de empregadas dos SAF está a desenvolver no marco da folga indefinida convocada no sector pola central nacionalista dende o pasado mércores día 2. O paro está a ter un amplo seguimento por parte das traballadoras, superando unha porcentaxe media do 80% nas dúas primeiras xornadas. “A implicación das traballadoras é cada vez maior, conscientes da ameaza que supón que o preacordo contemple unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas dependendo de cando se liciten os contratos”, salienta a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.

Por exemplo, ás empregadas dunha localidade na que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos vánselles aplicar incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que ás do concello do lado, se se licita este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “En consecuencia, unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”.

Ademais, o empresariado pretende consolidar a precariedade laboral que caracteriza o sector dende que a Xunta se desentendeu do servizo e traspasou a súa prestacións aos Concellos, que á súa vez deixan a xestións dos coidados en mans de empresas privadas, máis preocupadas por obter grandes beneficios que por garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas. Xa que o preacordo do novo convenio -o anterior leva sen actualizar dende 2011- non garante sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC.

Municipalización do servizo

Precisamente esta dobre escala salarial vai supoñer unha problemática para os Concello, tal e como advirte Fernández, “que van a ver como nos concursos de licitación vai haber distintos prezos para un mesmo servizo”. Diante disto, a CIG-Servizos remitiulle hoxe mesmo un escrito ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para trasladarlle a preocupación da central sindical pola sinatura do preacordo e lembrarlle que se os SAF fosen xestionados directamente polos Concellos as traballadoras terían mellores condicións laborais.

Por iso a CIG segue a insistir nesta vía para rematar coa situación de precariedade e co escaso recoñecemento social que padecen unhas traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é o servizo de axuda no fogar.

Próximas mobilizacións

*Comarca da Coruña:

4 de novembro, no Concello da Coruña ás 9.30h.
4 de novembro, no Concello de Cambre ás 12h.

4 de novembro, no Concello da Laracha ás 11h.

4 de novembro, no Concello de Vimianzo ás 13h

*Comarca de Ferrol:

4 de novembro, no Concello de Fene ás 12.30h.

*Comarca de Santiago:

4 de novembro, no Concello de Ames ás 11h.

*Comarca de Lugo:

4 de novembro, no Concello de Vilalba ás 14h.

*Comarca de Vigo:

4 de novembro, entre as 11e as 13h.

 Concello de Vigo.
 Concello de Redondela.
 Concello do Porriño.
 Concello de Pazos Borbén.
 Concello de Moaña.
 Concello de Ponteareas.
 Concello de Mos.

*Comarca do Salnés:

4 de novembro, no Concello de Vilagarcía ás 15:30h.

*Comarca de Ferrolterra:

6 de novembro, na Praza de Galiza de Narón ás 12:00 horas.


CIG /