Redacción •  Galicia •  02/11/2021

Unidas Podemos presenta unha Proposición non de Lei para o establecemento dunha moratoria á minería submarina

«Antón Gómez Reino: Sería unha enorme responsabilidade por parte dos gobernos permitir esta práctica no medio de tanta desinformación».

Unidas Podemos presenta unha Proposición non de Lei para o establecemento dunha moratoria á minería submarina

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei para o establecemento dunha moratoria á minería submarina para o seu debate e aprobación na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O documento, asinado polos deputados Juan López de Uralde e Antón Gómez Reino, insta o Goberno a promover e defender ante a Alta Autoridade dos Fondos Mariños (ISA) unha moratoria ata coñecer cientificamente as consecuencias da minería submarina nos océanos e nas actividades humanas, xa que é un ámbito pouco estudado. Nos últimos tempos, a minería submarina significa unha ameaza para os fondos mariños e pode causar graves impactos ambientais para os ecosistemas e polo tanto, á frota pesqueira española.

“A destrución ou extinción de especies, provocadas pola minería submarina, podería impedir o descubrimento de novas medicinas asociadas a formas de vida das profundidades oceánicas. Sen ir máis lonxe, o test da COVID-19 desenvolveuse utilizando unha encima illada dun microbio achado en respiraderos hidrotermais de augas profundas, un hábitat moi escaso e agora baixo a ameaza da minería de augas profundas.”, reza a PNL.

Unidas Podemos insta o Goberno a garantir a participación de organizacións ambientais e pesqueiras e a reforma da ISA para unha maior transparencia e participación dos sectores afectados. Ademais, tamén insiste en prohibir a minería submarina nas augas baixo xurisdición estatal e nas Áreas Mariñas Protexidas, Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro e Áreas Mariñas de Importancia ecolóxica ou Biolóxica.

O deputado de Galicia en Común Antón Gómez Reino, sinalou que unha resolución do Parlamento Europeo deste mesmo ano fixo fincapé na promoción por parte dos Estados membros dunha moratoria submarina. “O océano profundo é unha contorna descoñecida e por iso, os efectos da minería submarina tamén. Sería unha enorme responsabilidade por parte dos gobernos permitir esta práctica no medio de tanta desinformación. As contornas mariñas deben estar protexidos ante os intereses das empresas mineiras, e é prioritario escoitar aos científicos que recoñecen que fai falta tempo para emprender estas prácticas coa certeza de que o mar non sairá prexudicado”.


Galicia en Común /