Redacción •  Galicia •  02/01/2023

Ana Pontón ve o discurso de Rueda “escapista e fóra da realidade” propio de quen non ten proxecto nin confianza en Galiza

  • “A sanidade non precisa boas palabras de fin de ano, senón acabar cos recortes dun PP que é un perigo para a saúde dos e das galegas”, declara.
  • “Os feitos, non os discursos, definen un goberno, e este é o goberno do pelotazo fiscal ós ricos, que se abraza ás eléctricas, o que persiste no deterioro dos servizos públicos e ignora á maioría social”, alega Pontón.
  • Critica a incapacidade de Rueda para defender os intereses de Galiza e subliña que o tecido económico é moito máis que o Xacobeo, “é a pesca, o agro, a industria, a ciencia e a innovación”.
Ana Pontón ve o discurso de Rueda “escapista e fóra da realidade” propio de quen non ten proxecto nin confianza en Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o discurso de fin de ano do presidente da Xunta foi “escapista e fóra da realidade”, e confirma que o Goberno do PP “non ten proxecto para Galiza e non confía no potencial do País”. Un discurso que queda desmentido polos feitos dun Partido Popular que, en plena crise, “goberna para unha minoría de privilexiados, mentres ignora o sufrimento da maioría dos galegos e das galegas que o están pasando mal coa crise”.

Como exemplo dese escapismo da realidade, a líder do Bloque citou o empeño por agochar o deterioro dos servizos públicos, moi especialmente da sanidade. “O que necesita a sanidade pública non son boas palabras en fin de ano, senón máis medios, máis profesionais e acabar con trece anos de recortes e máis recortes dun Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, denunciou.

“O que non di o señor Rueda no seu discurso e que hoxe temos listas de espera en atención primaria; non di que hai PACs sen persoal médico; non di que hai miles de nenos e de nenas sen pediatra asinado; non di que os médicos e as médicas foxen das condicións de precariedade instaladas na sanidade pública polo Partido Popular”, argumentou a líder do Bloque, quen tamén recriminou que o xefe do Executivo ignore na súa mensaxe que en trece anos non puxo en marcha nin unha soa residencia pública, permitindo consolidando un modelo que fai negocio coas persoas maiores.

Pontón considera unha “falta de respecto á intelixencia da xente moza” que o presidente da Xunta diga que vai mellorar as políticas de vivenda, “despois de ter dinamitado a vivenda pública impedindo unha oferta con prezos que a mocidade poida pagar, por iso Galiza está á cola en emancipación”. E cualifica de “broma de mal gusto” que anuncie agora que vai mellorar o emprego xuvenil, “despois de que máis de 200.000 mozos e mozas tivesen que coller as maletas ante falta de traballo aquí”.

“Os feitos e non os discursos son os que definen a un Goberno, -destaca-, e pese ás palabras do señor Rueda, estamos ante o Goberno do pelotazo fiscal que lle agasalla 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio, mentres suprime a tarxeta básica de alimentos ás familias. Un goberno do PP que arrastrou os pés nesta crise, que non puxo ningunha medida para paliar a subida dos prezos, nin dos alugueiros, nin das hipotecas. Ao contrario, votou en contra das propostas que desde o BNG levamos ao Parlamento”.

Submisión ao PP de Madrid

“Gobernar para unha minoría, gobernar para as eléctricas non é defender Galiza, nin é defender as PEMES, nin é defender ás persoa autónomas que teñen que sacar adiante os seus negocios, nin é defender a clase traballadora e ás familias que o están pasando mal coa escaldada de prezos”, critica Pontón.

O discurso, advirte a líder do Bloque, tamén mostra a un presidente da Xunta “submiso á estratexia que lle marca o PP de Madrid, incapaz de defender os intereses de Galiza ante o goberno do Estado, por iso non logrou financiamento para ningún proxecto estratéxico”.

Loita contra a violencia machista

E con esta mensaxe de fin de ano, o xefe do Executivo “demostra que non confía no potencial deste País, dos seus sectores produtivos, e practicamente reduce o tecido económico de Galiza ao Xacobeo, pero Galiza é moito máis: Galiza é agro, é pesca, é industria, e ciencia e innovación”, recalca a portavoz nacional do BNG.

Finalmente, explicou, “botamos en falta algunha referencia á loita contra a violencia machista, nuns días que están a ser especialmente negros para as mulleres. Temos que facer todo o posible e máis para garantir o deito das mulleres a vivir sen medo, libres e iguais”.

En definitiva, conclúe Pontón, “escoitamos un discurso escapista, no que as boas palabras non poden agochar a realidade dun Goberno do PP esgotado, sen proxecto de futuro para Galiza, que persiste no deterioro da sanidade e dos servizos públicos, que goberna para unha minoría pero ignora o sufrimento da maioría ante a crise. Foi un discurso propio de quen non ten confianza no País, nin sabe defender os seus intereses. Galiza precisa e merece moito máis”.


BNG /