Redacción •  Memoria Histórica •  26/07/2017

Esquerda Unida dedica o 25 de Xullo ao alcalde Juan Prieto Balsa, fusilado polos golpistas en 1936

“25 de Xullo, Unha Nación con Memoria” que incide na importancia de manter viva a Memoria de Galicia, relacionándoa co día en que se defende a lingua, a cultura e os valores da nosa terra”.

Esquerda Unida dedica o 25 de Xullo ao alcalde Juan Prieto Balsa, fusilado polos golpistas en 1936

Mugardos, 25 de xullo de 2017. Esquerda Unida celebra en Mugardos, polo 25 de Xullo, unha homenaxe ao alcalde republicano Juan Prieto Balsa, fusilado polos golpistas na noite do 24 de xullo de 1936 á beira do río Ombre, na localidade de Pontedeume.

Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos, foi a encargada de presentar o acto, mencionando a importancia de dedicar este día a todas as vítimas do franquismo, en especial a Prieto Balsa. A alcaldesa agradeceu a Esquerda Unida que tivera “como primeira e única opción a idea de celebrar aquí un acto que reivindica a importancia de ser unha nación con Memoria e, neste caso, dedicar o día á  memoria de Prieto Balsa, nomeado alcalde o 14 de marzo de 1936 e fusilado o 24 de xullo de 1936 no levantamento militar”.

Na súa intervención, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, sinalou que “precisamos a Memoria para ter futuro como pobo e que cómpre coñecer e reivindicar a nosa memoria para loitar por un futuro republicano, xa que non podemos construír nada sen coñecer o noso pasado”. Nunha data coma o 25 de xullo é moi importante “homenaxear as verdadeiras persoas demócratas, ás que construíron a República” e, facendo actos como o de hoxe en Mugardos evitamos que “nos rouben a Memoria” eses que se autoproclaman demócratas, mais que foron adeptos do franquismo.  

Pola súa banda, Xabier Ron, membro da executiva de Esquerda Unida, leu o manifesto co titulo: “25 de Xullo, Unha Nación con Memoria” que incide na importancia de manter viva a Memoria de Galicia, relacionándoa co día en que se defende a lingua, a cultura e os valores da nosa terra”.

Con este manifesto, Esquerda Unida incide en que a democracia non nace no 77, senón que houbo un proceso democrático anterior, o da Segunda República, arrasado polo golpe de Estado de Franco e a posterior longa noite de pedra da ditadura. Por iso, Esquerda Unida quere facer pedagoxía para que o futuro se constrúa dende outro enfoque e imaxinario, non dende un sistema monárquico imposto por Franco.

Despois deste acto, celebramos un xantar de confraternidade coa militancia para compartir un día de festa, Memoria e reivindicación da nosa Historia.


Esquerda Unida /