Redacción •  Galicia • 29/05/2020

Esquerda Unida esixe que RENFE repoña as liñas nocturnas entre Galicia, Madrid e Barcelona

“En plena privatización do transporte ferroviario, elimínase agora unha liña de transporte que ademais de comunicar con Madrid e Barcelona, elimina a posibilidade dunha alternativa de desprazamento a todas as usuarias e usuarios que empregaban este servizo, en moitos casos por motivos laborais”.

Esquerda Unida esixe que RENFE repoña as liñas nocturnas entre Galicia, Madrid e Barcelona

(Compostela, 29 de maio de 2020). A crise do coronavirus ten servido como xustificación para que Renfe decidise poñer punto e final ao servizo nocturno que unía diversas cidades galegas con Madrid e Barcelona. Para Esquerda Unida trátase dun feito inadmisible que afecta e reduce ás posibilidades de mobilidade da cidadanía ademais da eliminación de decenas de postos de traballo no ámbito ferroviario, polo que esixe a reposición das liñas.

Para Esquerda Unida “parece que o único obxecto que persegue Renfe é ir desmantelando os trens coma servizo público”. “En plena privatización do transporte ferroviario, elimínase agora unha liña de transporte que ademais de comunicar con Madrid e Barcelona, elimina a posibilidade dunha alternativa de desprazamento a todas as usuarias e usuarios que empregaban este servizo, en moitos casos por motivos laborais”.

Esquerda Unida ten denunciado xa nos últimos anos as progresivas reducións de servizos que entre elas teñen afectado á mesma liña que agora se pretende suprimir: “As frecuencias do tren-hotel xa foron recortadas en anos previos, eliminando a posibilidade de empregalo na fin de semana. A pretensión de eliminar nestes intres a totalidade das liñas déixanos apenas cun par de alternativas para desprazamentos a estes puntos durante o día”.

“Trátase dun proceso de desmantelamento progresivo en liñas que poderían mellorar o número de viaxeiros cunha mellor xestión. Sen embargo a intención parece ser a de ir eliminando este servizo público. Deixando ademais sen postos de traballo a un número importante de empregadas e empregados da Renfe e das empresas auxiliares”.

Esquerda Unida esixe que non se utilice o coronavirus como escusa para suprimir este servizo e se reanude en condicións de seguridade, á vez que lembra que “ a vertebración do territorio é un dereito. A necesidade de manter e mellorar as conexións públicas vai ligada á loita contra o despoboamento e a un modelo de transporte verde, sostible e accesible para a maioría”.
 


Esquerda Unida /  ferrocarril /  Redacción /