Redacción •  Galicia •  26/12/2018

En Marea considera o discurso do rei “afastado da realidade, insensible cos problemas da xente e alleo ás inquietudes da sociedade galega”

En Marea considera que o tradicional discurso de Felipe VI nas festas de Nadal foi un exercicio de non atender aos problemas da cidadanía galega nin tampouco aos da sociedade que segue padecendo os efectos da crise: insensibilidade antes as dificultades para chegar a final de mes, insensibilidade ante as dificultades dos pensionistas, insensibilidade diante da situación dos mozos que teñen que emigrar, insensibilidade en xeral para todos aqueles problemas dunha sociedade que, no seu conxunto, aínda non superou a crise. Felipe VI tampouco quixo atender aos problemas derivados da corrupción política no país.

En Marea considera o discurso do rei “afastado da realidade, insensible cos problemas da xente e alleo ás inquietudes da sociedade galega”

Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, “o discurso pronunciado por Felipe VI non representa nin de lonxe as inquietudes da sociedade galega a día de hoxe”. Segundo Villares, o monarca obviou un “feito importante da situación política española, que houbo unha moción de censura ocasionada polo fartazgo pola corrupción”. Segundo o voceiro, o monarca esqueceu no seu discurso calquera alusión “a unha corrupción que converteu ao PP nun partido condenado por corrupción”.

Luís Villares sinalou que Felipe VI falou moito da Constitución pero “esqueceu todos eses dereitos que figuran na mesma Constitución sobre a vida digna e que son tratados permanentemente como papel mollado”. Para o Villares, “os nosos maiores non teñen asegurada a unha pensión digna cando se xubilan, temos a unha sociedade galega mobilizada permanentemente en defensa da sanidade, dos recursos públicos, en defensa do territorio, en defensa do emprego e nada disto estivo no discurso do monarca”. Para Villares “non só non se di nada destas situacións, senón que tampouco se cita a quen son responsables destas políticas antisociais e neoliberais, políticas que nos impiden desenvolver o estado do benestar”.

Para o voceiro de En Marea, Felipe VI non quixo entrar “na precariedade na que vive unha parte da sociedade española e particularmente a galega que provoca, entre outras cousas, “unha emigración da mocedade e a imposibilidade de que a xente nova poida facer planes de vida e formar familias, ter fillos, o que en Galicia está a ser unha dos seus problemas máis serios como sociedade”.

A conclusión de Villares sobre o discurso do monarca é que está “afastado da realidade, falto de compromiso, insensible ante os problemas da xente e non representa as inquietudes da sociedade galega e, un ano maís, non xustifica o salario que gana”.


En Marea /  Felipe VI /