Cortesía •  Redacción •  Galicia •  20/10/2018

Eva Solla presenta o Encontro Programático Municipalista de Esquerda Unida que se celebrará este sábado en Compostela

“Agora, temos por diante un feito moi importante para nosa organización que é a redacción e elaboración do programa para as municipais”, sinala Eva Solla.

Eva Solla presenta o Encontro Programático Municipalista de Esquerda Unida que se celebrará este sábado en Compostela

Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida, vén de presentar esta mañá en rolda de prensa o Encontro Programático Municipalista de Esquerda Unida, que terá lugar este vindeiro sábado 20 de outubro no marco dos comicios municipais e que celébrase para dar resposta aos problemas da cidadanía, marcados pola precariedade laboral e a cronicidade da pobreza nunha Galicia que segue a retroceder en dereitos laborais grazas ás políticas de desemprego de Núñez Feijóo. Para falar diso, contaremos con concelleiras e concelleiros con ampla experiencia e bagaxe político coa fin de elaborar un programa municipalista que dea resposta a estes problemas que afectan á calidade de vida de galegas e galegos.

“Despois de ter realizado as nosas primarias, agora temos por diante un feito moi importante para nosa organización que é a redacción e elaboración do programa das municipais”, lembra Eva Solla. Segundo vén de explicar a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “o máis importante para unha organización de esquerda é a proposta e o traballo que vai recoller todo o que se fixo nestes últimos anos nos concellos. Temos compañeiras e compañeiros que son candidatas dos futuros comicios e pensamos que a nosa organización recolle un traballo de máis de 32 anos de experiencia e, dende 2015, dunha experiencia tamén de confluencia nos concellos, que supón unha experiencia útil e positiva para a cidadanía”.

Respecto a esta xornada, Eva Solla explicou que constará de catro mesas “relevantes para nós, dentro dun programa de esquerda, municipalista e transformador para ofrecer á cidadanía nos concellos”. “Imos ter unha primeira mesa sobre municipalismo de esquerda, cun programa marco xa traballado dende Izquierda Unida a nivel Federal e que agora completaremos coas aportacións do programa galego, co concelleiro de ACE-Lugo, Carlos Portomeñe, e coa concelleira en Cambre, Olga Santos”.

A segunda mesa será sobre o modelo de cidade e a planificación urbanística baixo a nova Lei de Solo e o seu regulamento, con María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo de Ferrol e Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo. “É fundamental traballar estas experiencias dende os concellos, ver o que supuxo a implantación da Lei do Solo, e as súas implicacións”, sinala.

A terceira mesa contará coa concelleira de Servizos Sociais da Coruña, Silvia Cameán, a súa homóloga en Ferrol, Saínza Ruíz, e o militante social do colectivo Os Ninguéns, Antón Bouzas. “Dende a perspectiva social, temos que dar saída ás máis de 600 mil persoas en risco de pobreza que temos en Galicia por medio de ferramentas que se están a traballar en concellos, como a Renda Social Municipal, que debe dar resposta ás persoas que quedaron fóra do sistema despois da crise capitalista”, apunta.

A cuarta e última mesa do Encontro será sobre fiscalidade municipal e as reformas na Lei de Financiamento Local, unha mesa que contará coa concelleira de Economía e Facenda de Compostela Aberta, María Rozas e co concelleiro de Ahora Madrid e responsable Políticas Económicas de Izquierda Unida, Carlos Sánchez Mato. “Durante os últimos anos, factores como a aplicación da Lei Montoro ou as limitacións do Teito de Gasto reduciron a posibilidade de obter financiación local, un feito que debe ser abordado dende un punto de vista da esquerda”.

Por último, o acto será clausurado da man da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz e do tamén secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez. Para finalizar, Eva Solla recalcou que “queremos que sexan unhas xornadas positivas e de traballo para ofrecer tanto nos lugares que nos presentamos como Esquerda Unida ou como parte das confluencias; en definitiva, un programa para resolver os problemas da cidadanía”.

Na rolda, Eva Solla tamén tivo palabras para as e os traballadores da CRTVG respecto a este venres negro (número 22), apoiando a liberdade de expresión así como termos uns medios transparentes e veraces.


elecciones municipales /  Esquerda Unida /