magrama.gob.es •  Redacción •  Galicia •  19/09/2016

En Marea denuncia que o Goberno en funcións pretende abrirlle ás portas á acuicultura industrial

En Marea solicita a comparecencia urxente da ministra en funcións García Tejerina polo Real Decreto de Ordenación do Espazo Marítimo.

En Marea denuncia que o Goberno en funcións pretende abrirlle ás portas á acuicultura industrial

En Marea vén de solicitar a comparecencia urxente da Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para que explique por que razón un Goberno en funcións está a tramitar o borrador de Real Decreto para a Ordenación do Espazo Marítimo, unha norma que tería un impacto moi negativo no sector pesqueiro e marisqueiro, no ecosistema mariño das rías galegas e que ademáis vulnera competencias autonómicas claras sobre augas interiores, marisqueo e acuicultura.
 
Antón  Gómez Reino e Alexandra Fernández comparten as críticas e o malestar de confrarías, produtores de mexilón, mariscadoras, organizacións sindicais e Plataformas de defensa das Rías, que o pasado día 15 presentaron unha serie de alegacións ao borrador de Real Decreto; un borrador que foi exposto para consulta pública o 2 de agosto, en pleno periodo vacacional e contando a partir de entón con 45 días para a presentación de alegacións. “Unha maneira de actuar que indica intencionalidade de ocultar un texto cuestionábel para que pase desapercibido debido ao seu polémico contido”.
 
“Por que hai presa con este tema?”
 
Lembran que segundo o artigo 21 da Lei do Goberno, un Executivo en funcións debe limitarse ao despacho diario de asuntos públicos e non hai “nada urxente en ter que traspór unha norma comunitaria como é o caso, que ademáis data de 2014”. Consideran os parlamentarios de En Marea que non existe xustificación para tramitar este Real Decreto “dunha maneira tan opaca en pleno mes de agosto” e emprazan ao Ministerio a dialogar co sector do mar para atender as súas propostas e alegacións.  
 
Alexandra Fernández e Antón Gómez Reino, en consonancia coa preocupación do sector pesqueiro, advirten que o borrador de Real Decreto abre a porta á introducción da piscicultura industrial nas rías galegas. “Dese xeito alertan, o Goberno central estaría a invadir competencias da Xunta en materia de pesca, marisqueo e acuicultura”. O sector tradicional do mar e organización ecoloxistas en Galicia amosan a súa preocupación por unha norma que coidan que os sitúa “nunha  situación de desproteción fronte á introdución de actividades como a instalación de máquinas de produción de enerxía, de prospeción e explotación de petróleo e gas, de extración de materias primas e fronte á acuicultura industrial”.
 
Gémez Reino e Alexandra Fernández poñen de manifesto que Feijoó “xa intentou colarnos a acuicultura invasiva e industrial co seu anteproxecto de Acuicultura e grazas á presión social e política tivo que retíralo. Agora pola porta de atrás, e xustificándose nunha normativa comunitaria, un Executivo en funcións pretende tramitar un Real Decreto que conta co total rexeitamento do noso sector do mar, ao que debería escoitar e ter en conta as súas alegacións”.
 
“É preciso que o Ministerio pare este despropósito e abra unha interlocución con confrarías, sector marisqueiro, organizacións sindicais e medioambientais a fin de escoitar as súas alegacións e plantexamentos”, sinalan.


En Marea /