Redacción •  Galicia • 15/12/2019

As organizacións ecoloxistas denuncian que o Concello de Sada ameaza o seu patrimonio natural

As novas presións do Concello de Sada para que Costas verta máis de 3.000 camións de area na praia atopan a oposición dos ecoloxistas, que defenderán o zosteral denunciando calquera actuación diante da comisión do convenio internacional OSPAR. 

As organizacións ecoloxistas denuncian que o Concello de Sada ameaza o seu patrimonio natural
A Sociedade Galega de Historia Natural e outras seis asociacións conservacionistas veñen de enviar un escrito á Demarcación de Costas de Galicia opoñéndose a calquera novo recheo na praia de Sada. Tamén remitiron outro escrito á Secretaría de Estado de Medio Ambiente, para explicar os seus argumentos ecolóxicos e legais para que o Ministerio de Transición Ecolóxica desbote definitivamente calquera novo recheo na praia e empregue os recursos económicos en actuacións positivas para o litoral da ría.
 
O novo proxecto de recheo
 
Nos últimos meses estas entidades foron invitadas a manter varias reunións coa Demarcación de Costas, nas que se lles explicou un novo enfoque do proxecto, actualmente bloqueado polo Ministerio. No seu inicio preténdense instalar numerosos postes na praia para deslindar unha franxa de 30 m medida dende o borde dos vellos recheos de area, co obxectivo de verificar a presenza de zostera nela e proceder logo a realizar recheos que poderían chegar a ser de entre 3.000 e 4.000 camións de area procedente do porto exterior de Langosteira, transportando cada un deles unha carga de 10 m3.
 
As entidades ecoloxistas veñen de tomar numerosas medicións na praia e verificaron a grave afección para o zosteral no caso de que chegara a reencherse con area esa banda de 30 m. Ademais consideran que esta actuación soamente servirá para desprazar o problema uns metros máis cara ó mar, pois os recheos elevarán o nivel do fondo facendo que os bañistas teñan que internarse aínda máis.
 
O zosteral de Sada
 
Na praia de Sada medra un extenso zosteral que pode divisarse en todo o seu esplendor na marea baixa. Está composto por dúas fanerógamas mariñas (aparentan ser algas, pero son plantas con flores), a Zostera noltii e a Zostera marina. A importancia destas praderías mariñas, gravemente ameazadas, é que conforman un hábitat clave para a reprodución e alimentación de numerosas especies, moitas delas de importancia económica, como a xiba e varios peixes de interese comercial. Tamén é importante para as aves, pois nela aliméntanse numerosas anátidas e ardeidas, acadando cifras superiores ó milleiro de exemplares nos censos invernais.
 
Carente de xustificación en base ó interese xeral
 
Non pode xustificarse un atentado ecolóxico de tal calibre simplemente porque algunhas persoas consideran molesto pisar o limo do fondo e lles desagrada a presenza de zostera entre os pés. A praia de Sada nunca será óptima para o baño polo seu escaso desnivel, que afasta moito a auga do borde seco da praia en canto baixa a marea. A colocación destes postes pode crear a falsa expectativa de que vai reencherse de area toda esa franxa.
 
Non entendemos a obcecación en facer novos recheos inútiles, cando hai unha magnífica praia a menos dun quilómetro de distancia, a de Gandarío, moi accesible, segura, con transporte público, e cunha calidade da auga moito mellor. Queremos lembrar que a de Sada está contaminada permanentemente por altas concentracións de bacterias coliformes.
 
Aínda máis, de precisarse outras alternativas, algúns sectores sociais xa apuntaron no seu día a posibilidade de construír unha piscina de auga mariña (non tratada quimicamente) nos terreos actualmente gañados ó mar.
 
O goberno local de Sada debe posicionarse publicamente
 
As entidades ecoloxistas reclamamos que se posicionen publicamente aqueles sectores e entidades que están a defender esta destrución do patrimonio natural de Sada. O grupo de goberno do concello debería aclarar se vai defender o noso patrimonio natural ou se é quen realmente está a presionar á Demarcación de Costas en Galicia para sacar adiante un proxecto paralizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica por vulnerar o convenio OSPAR e a propia lexislación estatal (Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad). As entidades ecoloxistas xa tivemos que denunciar ó Estado español ante a comisión deste convenio internacional polo proxecto inicial de recheos da praia de Sada, pois ía en contra do interese xeral. Volveremos a facelo de ser necesario para defender o zosteral.
 
O convenio OSPAR
 
Grazas ó convenio OSPAR, quince países europeos cooperan para protexer o entorno mariño do Atlántico Norte, sendo España un dos signatarios. Naceu da Convención de Oslo de 1972 e da Convención de París de 1974, polas que se combaten os vertidos no mar e as fontes de contaminación procedentes de terra firme. Os anexos sobre biodiversidade e ecosistemas adoptáronse en 1998 para contemplar as actividades humanas que, aínda que non sexan directamente contaminantes, afecten negativamente ó mar. Os recheos da praia de Sada é un destes casos, pois danaría irremisiblemente os seus zosterais.
 
 
Entidades ambientalistas que suscriben a nota de prensa: 
 
Asociación Cultural O Rabo do Galo
Asociación Ecoloxista Arco Iris
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA)
Asociación pola Defensa da Ría de Sada
Ecoloxistas en Acción
Grupo Naturalista Hábitat
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

 


Redacción /  Sada /  Sociedade Galega de Historia Natural /