Redacción •  Galicia •  15/06/2018

En Marea denuncia que a reapertura da mina Touro-O Pino suporía “unha ameaza para o ecosistema e a economía”

O domingo 10 de Xuño as confrarías e asociacións do sector pesqueiro sumáronse á veciñanza de Touro e Pino que acompañados dunha multitude de galegas e galegos  saíron a rúa en Compostela para dicir non á reapertura da mina de Touro- O Pino. “Non obstante, a Xunta de Galicia continúa ignorando as súas demandas, xa que non quere renunciar a extracción de cen millóns de toneladas de cobre, sexa cal sexa o custe para a natureza, a economía local e a saúde” lamentou Carmen Santos.

En Marea denuncia que a reapertura da mina Touro-O Pino suporía “unha ameaza para o ecosistema e a economía”

A viceportavoz de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, e a deputada Paula Quinteiro, alertaron esta mañás das graves consecuencias que tería a reapertura da mina Touro-O Pino para o sector pesqueiro e para a protección do ecosistema. Santos lembrou que estamos a falar dun proxecto que afectaría a 689 hectáreas a ceo aberto e a previsión de extraer 267 millóns de toneladas. A conca da antiga mina de cobre deriva no río Ulla que abastece augas abaixo ás traídas de trece concellos que suman máis de 150.000 habitantes: Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa desembocando na Ría da Arousa e poría en perigo espazos protexidos como o Parque Nacional Illas Atlánticas e a Zona de Especial Conservación Ulla-Deza.

A apertura da mina suporía a eliminación de 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e de vexetación. A este dano ambiental habería que sumar tamén o resultante das seis voaduras de entre 9 e 16 toneladas de explosivo que se producirían tódolos días a menos dun quilómetro de distancia de vinte núcleos poboacionais, nos que se atopan unha gardería e unha residencia da terceira idade.

En canto ás consecuencias para o sector marisqueiro, Santos salientou que segundo un estudo realizado por investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, da Univesidade de Swansea (Gales) e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC con sede en Vigo, a actividade mineira que se levou a cabo en Touro entre os anos 1973 e 1986 reduciu o número de salmóns no río Ulla, así como o seu tamaño. O responsable de que isto sucedera foi o cobre que se extraeu da mina.

“No que atinxe ao marisco, a actividade de Touro poría en perigo o sector de mar de Arousa, onde desemboca o Ulla e onde se atopa o maior banco marisqueiro de Galicia: denunciou a viceportavoz de En Marea. O mar representa en Arousa o 1,33 por cento da economía galega e supón case un terzo do valor engadido do sector, o que lle permite crear emprego para miles de familias, en concreto, para o 44 por cento do marisqueo a pé, segundo datos do 2016. Nas lonxas de Arousa, movéronse ese ano máis de 91 millóns de euros e máis do 70 por cento dos mexillóns producidos en Galicia.

O domingo 10 de Xuño as confrarías e asociacións do sector pesqueiro sumáronse á veciñanza de Touro e Pino que acompañados dunha multitude de galegas e galegos  saíron a rúa en Compostela para dicir non á reapertura da mina de Touro- O Pino. “Non obstante, a Xunta de Galicia continúa ignorando as súas demandas, xa que non quere renunciar a extracción de cen millóns de toneladas de cobre, sexa cal sexa o custe para a natureza, a economía local e a saúde” lamentou Carmen Santos.

“Atopámonos ante unha ameaza real ao ecosistema galego, así como as repercusións nefastas que terán na súa economía” concluíu a viceportavoz de En Marea no Parlamento.

Ante este risco, o grupo parlamentario de En Marea ten rexistradas diversas iniciativas e preguntas á Consellería de Pesca para que explique a situación e como repercutiría o proxecto no sector. Tamén solicitou un informe ambiental e e económico independente que reflexe o impacto que tería a reapertura da mina de Touro no marisqueo, na economía e na contorna natural de Arousa. En Marea considera preciso así mesmo, solicitar unha análise de riscos ambientais e elaborado pola SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) de Galicia como asociación independente e composta por científicos do CSIC e que se empreguen tódolos mecanismos a súa disposición para evitar a reapertura da mina.

A deputada Paula Quinteiro considerou “intolerable” que a Xunta continúe sen escoitar aos milleiros de galegos e galegas que saíron a mobilizarse o pasado Domingo en Compostela nunha mobilización multitudinaria na que participaron os sectores produtivos estratéxicos do noso país. “O goberno ten que tomar nota. Non pode seguir en convivencia cunha multinacional que pretende levar adiante unha actividade aínda máis agresiva que a anterior. O que está en debate co proxecto da mina de Touro-O Pino é o modelo de País que queremos. O PP pretende consolidar un modelo que expolia sistemáticamente os nosos recursos só para beneficiar a unhas cantas multinacionais” denunciou a deputada de En Marea.


En Marea /  mina Touro-O Pino /