Redacción •  Galicia •  14/01/2018

Esquerda Unida acusa ao PP de desinformar e ter unha actitude de total desinterese sobre o problema do lindano presente no Porriño

A Valedora do Pobo vén de comunicar a EU-Son O Porriño que, ata o momento, nin a Xunta de Galicia nin o Concello lle facilitaron a documentación requirida sobre os informes de contaminación por lindano solicitados “a pesar de ser a súa obriga”.

Esquerda Unida acusa ao PP de desinformar e ter unha actitude de total desinterese sobre o problema do lindano presente no Porriño

Esquerda Unida denuncia o abandono e desleixo, por parte do Goberno galego, fronte á catástrofe ecolóxica e sanitaria derivada da contaminación continuada de lindano, durante máis de 50 anos, na comarca de O Porriño. Esta preocupante actitude de desinterese é a que agora vén de corroborar a Valedora do Pobo que comunicou a EU-Son O Porriño que, ata o momento, nin a Xunta de Galicia nin o Concello lle facilitaron a documentación requirida sobre os informes de contaminación por lindano solicitados “a pesar de ser a súa obriga”.

A coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla, reitera que “a falta de resposta dos informes solicitados á Consellería de Medioambiente e á Consellería de Sanidade pon de manifesto a situación de abandono total da administración de cara á veciñanza nun problema que debera ocupar á Xunta de Galicia as 24h. do día, xa que o lindano é un produto canceríxeno moi tóxico que non debe ser tocado nin inhalado”.

Debido á gravidade dos feitos e ás preocupacións da veciñanza, a deputada de En Marea, Eva Solla xa esixiu no Parlamento de Galicia que a Consellería de Sanidade considere a contaminación de lindano como “un asunto de saúde pública de primeira magnitude”. “Vemos asombradas como segue sen importar unha veciñanza abandonada e maltratada polas diferentes administracións que parece que non son capaces de artellar unha estratexia conxunta para darlles unha solución” tal como prometeu a conselleira de medioambiente no Parlamento de Galicia tamén no relativo á retirada e encapsulación  do lindano.

Dende Esquerda Unida esiximos a implicación das diferentes administracións para paliar este problema ecolóxico e sanitario, que require dunha resposta inmediata que vaia máis alá de pechar os pozos de auga contaminados dos que a veciñanza leva anos abastecéndose. Precisamente, pola natureza do  tóxico, é necesario que se avalíe a exposición da poboación que se dea unha resposta aos veciños e veciñas da zona, que se demanden as responsabilidades que correspondan (penais, administrativas e políticas) aos causantes da contaminación e se destinen, dende os gobernos central e autonómicos, os orzamentos necesarios para levar a cabo accións efectivas.


Esquerda Unida /