Redacción •  Galicia •  13/08/2016

Manuel Lago apela á forza da esquerda para derrotar ao PP na presentación da candidatura «Marea do pobo» ás primarias de En Marea de A Coruña

Hoxe, ás 17 horas, presentamos na Praza de Azcárraga de A Coruña a candidatura que concorre ao proceso de primarias de EN MAREA co nome de "A Marea do Pobo", encabezada polo coñecido economista Manuel Lago. Trátase dunha candidatura conformada por homes e mulleres comprometidos coa loita por unha sociedade máis xusta.

Manuel Lago apela á forza da esquerda para derrotar ao PP na presentación da candidatura «Marea do pobo» ás primarias de En Marea de A Coruña

Manuel Lago, cabeza da candidatura de Marea do Pobo, incidiu na necesidade de sumar esforzos por parte de todas as forzas políticas da esquerda e do nacionalismo co fin de derrotar á dereita de Núñez Feijoo o 25 de setembro.

O economista describiu que “é o momento de reconstruír un país atacado durante máis de 7 anos. A sociedade galega segue a vivir nunha profunda crise. E só sairemos da crise cando recuperemos os nosos dereitos, os laborais, sociais e de cidadanía. A marea do pobo é unha onda máis dunha gran marea que recuperará e que ten que mudar Galicia. Iso implica colaborar e traballar conxuntamente”.

Lorena Dapena, segunda da candidatura, destacou que “Ferrol é un referente da loita obreira, pero foi perdendo poboación, o goberno do PP non foi quen de arranxar nada. Por exemplo, temos unha bomba que é Reganosa e, ao goberno do PP, non lle importa saltar a barreira da ética para implantar os seus intereses”.

Dapena vén do mundo do ensino, polo que pensa que “a educación é a clave para mudar as cousas, de facelas dun xeito ético, que mellora a calidade da vida dos galegos e galegas. Eu creo que #MareadoPobo é unha gran candidatura para Galicia”, dixo.

Pola súa banda, Xabier Ron, terceiro da candidatura, sinalou que “a Marea do Pobo son mulleres e homes que comparten un proxecto político e social de esquerda, quen de ofrecer un horizonte de esperanza ao pobo galego, tan duramente tratado polas políticas represivas da dereita”.

Ron presentou a candidatura, citando que as persoas que a forman “teñen na súa traxectoria seren depositarias da memoria democrática deste país”.

Así temos a Manuel González, firme na súa reivindicación da res publica, a que nos beneficia a todas as persoas desde o ben común; a Nicanor Acosta, incansable na denuncia das inxustizas e na defensa dos menos favorecidos; como Suso Díaz, histórico entre os históricos ao ser un dos píares do activismo sindical desde CC.OO.; ou como María Luz Canal, que loitou sempre polo dereito do acceso a unha xustiza digna e que se significou nos dereitos das mulleres.

Persoas que teñen destacado o seu compromiso na defensa duns servizos públicos de calidade (como Lorena Dapena ou María del Mar ‘Malay’, valedoras dunha educación pública, laica e de calidade; como Alejandro Rodríguez, que pula por un servizo de emerxencias e de extinción público).

Persoas que se teñen definido na defensa desde o sindicalismo dos dereitos da clase traballadora e da necesidade de termos emprego de calidade (coma o propio Manuel Lago ou Víctor Ledo, defensor do noso sector naval público).

Persoas como Alicia Remelgado vinculada ao noso sector do mar, como Raquel Bernández, implicada na loita da igualdade entre mulleres e homes, como Loreto Taibo que, a pesar da súa mocidade, ten experiencia institucional desde o municipalismo, ou como Nerea González, que representa a esa mocidade agredida que, ante a falta de expectativas aquí, se ve na obriga de ter que emigrar, e que reivindica coa súa loita o dereito a traballar en Galicia.


elecciones /  En Marea /