lamoncloa.gob.es •  Redacción •  Galicia •  11/09/2016

En Marea solicita a comparecencia do Ministro de Fomento en funcións para que aclare as causas do accidente ferroviario de O Porriño

Os representantes da formación consideran que Rafael Catalá debe acudir á Cámara Baixa a explicar cais foron as causas deste novo sinistro na rede ferroviaria galega.

En Marea solicita a comparecencia do Ministro de Fomento en funcións para que aclare as causas do accidente ferroviario de O Porriño

En Marea presentou no rexistro do Congreso a solicitude de comparecencia do Ministro de Fomento, Rafael Catalá, para que informe sobre o tráxico accidente ferroviario acontecido na mañá do venres, 9 de setembro, á entrada da estación de tren de O Porriño.

Un sinistro ferroviario que provocou vítimas mortais e un importante número de persoas feridas de diversa consideración. Por iso, as primeiras palabras das deputadas e deputados de En Marea son de solidariedade cos familias e amizades das persoas falecidas que sofriron este duro golpe, e cos viaxeiros do tren que viviron unha situación traumática.

Máis, advirten os deputados e deputadas de En Marea no Congreso, que este accidente debe ser esclarecido, investigado até as últimas consecuencias para concluir con veracidade e certeza cais foron as causas que motivaron un descarrilamento destas características. Alertan sobre a importancia de non repetir os erros do accidente de Angrois e facer as cousas ben, con luz e taquígrafos, con transparencia e dando as explicaciones pertinentes, sen eludir as responsabilidades que se puidesen derivar da investigación.

Partindo das máximas cautelas que deben prevalecer á hora de referirnos a este accidente ferroviario, “iso non resta para que demandemos a Fomento información veraz e transparente. Dado que Adif anunciou unha investigación e que se procedeu á extracción de dados da caixa negra, agardamos que se dea cumprida información por parte do titular de Fomento en funcións ante os numerosos interrogantes abertos, e confiamos en que se leve a cabo unha investigación obxectiva que esclareza os motivos do sinistro e depure as correspondentes responsabilidades se as houber”.  Nese sentido, piden que se leve a cabo unha investigación imparcial e independente e se escoite aos expertos e representantes do sector ferroviario.

O tren descarrilado pertence á serie 592, un modelo dos anos 80, e foi alugado por Renfe á empresa portuguesa Comboios para facer a conexión Vigo-Porto. Desde maio de 2011, este servizo ferroviario préstase de xeito conxunto entre Renfe e a compañía portuguesa.


En Marea /