En Marea •  Redacción •  Galicia •  11/08/2016

Luis Villares, único candidato ás primarias de En Marea á presidencia da Xunta

A coordinadora de En Marea presentou esta mañá en Santiago de Compostela o seu candidato á presidencia da Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións do 25 de setembro que será ratificado nas primarias de En Marea a vindeira semana. O alcalde de Ferrol e membro da coordinadora de En Marea, Jorge Suárez, foi o encargado de anunciar ao candidato, “o único candidato, o candidato de consenso, do que estamos todos e todas orgullosos”.

Luis Villares, único candidato ás primarias de En Marea á presidencia da Xunta

O candidato xunto coas persoas que configurán as listas de En Marea nas distintas provincias sairá das votacións que terán lugar os vindeiros 16 e 17 de agosto. Por provincias, en Lugo presentáronse 3 listas, en Ourense outras 3, pola Coruña 5 e 7 pola provincia de Pontevedra. “Unhas listas que concurrirán ás primarias en termos de cooperación, plurais e solventes” como destacou Jorge Suárez quen fixo un chamamento á participación á cidadanía para entre todos e todas elexir aos que formarán parte do “vindeiro goberno da Xunta de Galicia”.  O domingo remata o prazo para se inscribir a través da web www.mareaconstituinte.gal asinando o manifesto dos alcaldes e solicitando o voto.

No tocante á constitución do partido En Marea, Jorge Suárez confirmou a súa inscrición oficial que tivo lugar no día de onte, “un partido instrumental no que todos e todas cabemos e que ten as portas abertas a todas as persoas que queran sumar”. A día de hoxe son xa máis de 6.000 as persoas inscritas “e sumando”.

O candidato ás primarias de En Marea para a presidencia da Xunta de Galicia, Luis Villares, agradeceu o apoio de todas as persoas que avalaron a súa candidatura e asegurou que será “o candidato de toda a confluencia, os que están xa e os que ainda non están integrados pero que se sumarán”. “Son simplemente a portavocía, a voz humilde que represente a cidadanía galega en clave solidaria, comprometido coa democracia e a xustiza social” afirmou Villares.

Na súa intervención, Luis Villares salientou a intención do seu partido de loitar e poñer en marcha políticas dirixidas á defensa das persoas e os seus intereses. “Aos que aínda non poden votar dicirlles que loitaremos por un sistema educativo que lles permita ter futuro e vivir con dignidade na nosa terra unha vez rematen os seus estudos. Aos que están traballando dicir que loitaremos por unhas condicións laborais xustas e que cando non podan traballar que saiban que estamos aquí tamén para os respaldar. Aos que queredes ser pais e nais, queremos que teñades un clima social e económico que vos permita exercer con libertade a vosa paternidade e maternidade. Aos desempregados queremos que podades facelo en condicións de dignidade. Aos autónomos e pequenas empresas dicirlles que imos defender ferreamente todos os sectores produtivos do noso país, imos defender a viabilidade económica do noso país, queremos producir e non vivir sempre subvencionados. E a todos e todas aqueles que xa traballaron, que xa deixaron o lombo, dicirlles que nós si garantimos o pago das prestacións por dependencia, que imos garantir o complemento de caracter asistencial no caso de que as pensións non cheguen. E sobre todo que nós si imos garantir que vosos netos e netas teñan un futuro digno no noso país” rematou o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia.


En Marea /