Redacción •  Galicia •  08/11/2018

Esquerda Unida reúnese coa Comisión Europa e denuncia a desidia da Xunta ante a contaminación por lindano no Porriño

Eva Solla e Pedro Ocampo, reunidos coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, coñeceron a existencia de estratexias de remediación do chan, así como técnicas e proxectos para eliminar o lindano.

Esquerda Unida reúnese coa Comisión Europa e denuncia a desidia da Xunta ante a contaminación por lindano no Porriño

Bruxelas, 8 de novembro de 2018. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Pedro Ocampo, concelleiro de EU Son Porriño, xunto a europedutado Javier Couso, estiveron reunidos esta mañá con Humberto Delgado Rosa, representante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, en Bruxelas, coa fin de trasladar a problemática da contaminación por lindano.

“Hoxe trasladamos a nosa preocupación á Comisión Europea (CE) porque as autoridades competentes non se poñen de acordo en tomar medidas respecto ao problema do lindano”, explica Eva Solla, que sinala que o que traslada Bruxelas é que “existen medios dispoñibles para que as comunidades autónomas planifiquen estratexias de remediación do chan, incluso hai técnicas e proxectos para eliminar o lindano, algúns en experimentación, e polos que a Xunta de Galicia non se interesou”, critica. “Tamén nos informan de que é a Xunta a administración competente a que ten que tomar a decisión e, a partir de aí, pode obter apoio para fondos europeos de planificación e retirada de lindano, tal e como se está a facer en outras comunidades como Aragón”, que padece unha problemática similar.

Ante esta actitude do goberno galego, Eva Solla fai fincapé en que demandará á Xunta medidas ao respecto “para protexer a saúde das veciñas e veciños do Porriño, e do resto de concellos afectados, que chegan case a Portugal”. Pola súa banda, o concelleiro de EU Son Porriño, Pedro Ocampo, valora de “produtiva” a reunión desta mañá, aínda que tamén lamenta que dende as administracións non se fixera ningunha petición, en aras de solventar isto, a Europa. “Foi por esa desidia que non se puido actuar, pese a poder obter financiación e tecnoloxía novidosa para a remediación do lindano”.  

Por todo isto, dende Esquerda Unida denunciamos unha vez máis a desidia da Xunta, que non ten feita ningunha actuación efectiva para eliminar os residuos de lindano, e instamos a que se implique, apelando ás institucións europeas, para paliar este problema ecolóxico e sanitario, tal e como fixeron outras zonas do Estado como Aragón.


Esquerda Unida /