Redacción •  Galicia •  08/06/2020

Milleiros de persoas mobilizáronse na fin de semana polo emprego na industria

Milleiros de persoas mobilizáronse na fin de semana polo emprego na industria, ante a difícil situación que atravesan as plantas de aluminio de Alu Ibérica na Coruña e Alcoa en San Cibrao. O sábado houbo unha concentración na coruñesa praza de María Pita, na que se pediu a intervención pública da empresa; en Viveiro houbo unha multitudinaria manifestación o domingo.

Milleiros de persoas mobilizáronse na fin de semana polo emprego na industria

Na Coruña, o comité de empresa de Alu Ibérica esixiulle ao Goberno que investigue a venda da factoría ao Grupo Riesgo e que interveña para garantir a viabilidade. Ducias de traballadores formaron un mosaico humano coa palabra «intervención» e estiveron arroupados por varios centos de persoas que reivindicaron un futuro para esta importante industria.

Xa o domingo, Viveiro foi o escenario dunha multitudinaria manifestación convocada polo comité de empresa de Alcoa-San Cibrao. A comarca da Mariña respondeu masivamente mobilizándose pola continuidade da súa industria máis importante e reivindicando un marco enerxético estable e competitivo.

CCOO rexeita os máis de 500 despedimentos anunciados por Alcoa e reclama a implicación tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Industria para garantir a produción de aluminio no noso país, «con ou sen Alcoa».


Alcoa /  Alu Ibérica /  aluminio /  CCOO /