Redacción •  Galicia •  04/03/2019

Eva Solla: “A fenda salarial, que chega a un máximo histórico do 30% en Galicia, lastra a emancipación das mulleres no noso país”

Eva Solla e Raquel Bernárdez presentan en Compostela os actos de Esquerda Unida polo 8M, Día Internacional da Muller Traballadora.

Eva Solla: “A fenda salarial, que chega a un máximo histórico do 30% en Galicia, lastra a emancipación das mulleres no noso país”

Compostela, 4 de marzo de 2019. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, e Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida, veñen de presentar en rolda de prensa en Compostela as diferentes xornadas que se levarán a cabo cara ao 8M, Día Internacional da Muller Traballadora baixo o título: “Feminismo para mudalo todo”.

Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida e primeira en falar, lembrou que “agora estamos a presenciar como o movemento feminista é atacado dende os sectores máis conservadores, coa irrupción da ultradereita cun programa que rexeita o aborto libre, as listas paritarias e que leva no seu programa a derrogación da Lei de Violencia de xénero; todas elas conquistas do feminismo nos últimos anos. Onte escoitabamos a Feijóo dicir ás feministas como temos que ser feministas, o que agacha o descoñecemento da Teoría e da Historia Feminista”.

Ante este contexto, dende Esquerda Unida temos claro que “non imos dar un paso atrás na loita feminista” e, para seguir traballando nesta liña e “darlle a voz ás mulleres que están en loita”, arrancamos as xornadas feministas. A primeira charla terá lugar na Coruña este xoves 7 de marzo, e versará sobre a fenda salarial, a cargo da nosa coordinadora, Eva Solla.  A segunda charla será en Vigo, o mércores 20 de marzo, sobre a situación das traballadoras do mar, coa nosa senadora Vanessa Angustia. A última será en Ourense, o venres 22 de marzo, co título “Tempo de Traballo Corresponsable, unha proposta para outro modelo igualitario de sociedade”, a cargo da deputada Yolanda Díaz. Nestas xornadas participarán tamén outros colectivos e organizacións volcadas na loita feminista.

Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, cargou contra “os movementos vacuos que queren rematar coa idea do feminismo” e falou da “importancia deste 8M” e das reivindicacións “máis básicas” dos dereitos das mulleres, “entre as que destacan a situación terrible de fenda laboral, que chega a un 30% en Galicia, un máximo histórico, así como a precariedade laboral”.

“Esquerda Unida elaborou o documento: ‘A cuantificación da Fenda Salarial en Galicia: canto e porqué as mulleres cobran menos que os homes’, un informe que reflicte a necesidade de rematar coa fenda salarial, que lastra a emancipación das mulleres no noso país e que trasladaremos ás centrais sindicais galegas, colectivos e asociacións feministas”, di Eva Solla.

“Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no ano 2016 as mulleres ingresaron 5.480 euros anuais menos cos homes, un dato relevante que incide na feminización da pobreza”, apunta Solla, que lembra que “a fenda salarial está causada por motivos como a precariedade laboral, a temporalidade dos contratos (o 75% das persoas que traballan a tempo parcial son mulleres: que traballan menos horas de xeito non voluntario, tal e como reflicten os datos que saen hoxe sobre o desemprego) e polo diferente valor que se lle da ao traballo realizado polas mulleres en comparación co que fan os homes”. Un exemplo deste último punto é que, no sector de servizos o convenio de limpeza e de edificios e locais, maioritariamente feminino, ten un salario bruto de 14.591 euros para unha limpiadora, mentres que o de empresas de seguridade ten un salario de 17.177 euros para unha categoría básica de vixiante de seguridade, ocupado maioritariamente por homes.

Ademais dos factores xa mencionados que afondan na fenda salarial, o documento elaborado por Esquerda Unida sinala outros elementos que afectan á promoción interna e á carreira profesional das mulleres, provocados en boa parte porque son estas as que asumen a maior parte do traballo de coidados. Segundo a EPA, un 95% das persoas con redución de xornada por coidados teñen faciana de muller. 

En resumo, dende Esquerda Unida entendemos que este 8M enmárcase nun contexto onde as mulleres vivimos unha situación de desigualdade obvia en canto salarios e ao que o acceso a dereitos básicos se refire. Entendemos que o noso papel pasa por animar ás mulleres a que secunden a folga do 8M, que sirve para visibilizar a situación que estamos a vivir e a loitar polo cambio que precisamos na nosa sociedade.


Esquerda Unida /  Eva Solla /