Redacción •  Galicia •  27/05/2023

A secretaría das Mulleres lanza a campaña ‘Imos rematar coa fenda salarial’

  • Para identificar, denunciar e reclamar medidas reais contra as discriminacións retributivas.
A secretaría das Mulleres lanza a campaña ‘Imos rematar coa fenda salarial’

«Imos rematar coa fenda salarial» é o lema da campaña que a Secretaría das Mulleres da CIG vén de lanzar para identificar as causas das discriminacións retributivas, exemplificándoas ademais con denuncias de casos concretos, e reclamar medidas reais para rematar con esta situación. Neste marco, a Secretaría das Mulleres xa ten convocada unha mobilización para o vindeiro luns, 29 de maio, ás 12h en Mos, diante das instalacións da empresa COPO Galiza, e un Encontro Nacional de Delegadas para o 7 de xuño no Auditorio Municipal de Vigo que irá acompañada dunha concentración na Inspección de Traballo.

«Levamos anos traballando activamente por eliminar calquera tipo de discriminacións, especialmente as salariais, por medio da acción sindical e denunciando diante de Inspección todas aquelas empresas que incumpren o principio de igualdade retributiva», afirmaba a Nicolasa Castro, secretaria confederal de Mulleres da CIG, na comparecencia ofrecida este venres para presentar a campaña, e na que tamén participou Esther Mariño, secretaria das Mulleres da CIG de Vigo.

Nesta loita, Castro reclamou un compromiso máis activo por parte da Inspección de Traballo, «que non sempre atende as nosas denuncias e que, en demasiadas ocasións, realiza unha actuación totalmente insuficiente, da que non somos informadas, sen un seguimento do cumprimento dos requirimentos efectuados».

Lembra que, aínda que se reduciu moi levemente, a fenta de xénero acada o 18,6% e seguen sendo os sectores máis feminizados os que contan cos salarios máis baixos. De feito, apuntou, a rama de actividade que rexistra a maior fenda é a denominada «outros servizos persoais e de ocio», cunha presenza de mulleres do 58,7% e unha fenda de arredor do 30%. A este respecto, advertiu que o factor formación nin sequera beneficia ás mulleres na mesma medida que aos homes, «pois mesmo as mulleres máis novas, con maior formación que os seus compañeiros, cobran de media un 11% menos que estes».

A secretaria das Mulleres da CIG explicou que na fenda salarial incide tamén a modalidade de contratación, e neste campo son as mulleres as que máis sofren a parcialidade (o 77% das persoas traballadoras con contrato a tempo parcial son mulleres) e a temporalidade, cunha taxa feminina 5,5 puntos superior á masculina en 2022. E destacou que o 42.4% das traballadoras galegas obtiveron uns ingresos inferiores ao SMI (41,5 en 2019), mentres que no caso dos homes foron o 29,1% do total.

Esta maior precariedade laboral e salarial afecta ás condicións nas de xubilación, «temos carreiras de cotización inferiores e menores bases de cotización. Por iso a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero o 34%».

Dobre escala salarial e diferentes complementos

Sobre as causas destas desigualdades económicas, Esther Mariño matizou que a infravaloración dos traballos realizados polas mulleres é transversal, chamando a atención sobre como se utiliza a asignación dos complementos para perpetrar as diferenzas retributivas, sendo común atopar complementos que reciben principalmente categorías ocupadas por homes ou que están asociados aos traballos masculinizados. Aí están os exemplos do complemento de antigüidade nos sectores masculizados, os de dispoñibilidade «que chocan formalmente co dereito de conciliación» ou os asociados á forza física.

Dentro dunha mesma estrutura salarial, denunciou Mariño, ocorre que as categorías feminizadas teñen peor remuneración, incluso existindo unha dobre escala salarial no mesmo convenio na que encadrar en diferentes categorías a mulleres e homes que realizan traballos do mesmo valor.

Así ocorre no convenio da conserva que regula un grupo 5 e un grupo 6 no que se agrupan exactamente as mesmas categorías (mestre/a, oficial de primeira, oficial de segunda e auxiliar), pero cunha diferenza no salario base dun 10%. Por sistema «as empresas contratan o persoal masculino dentro do grupo que máis cobra, o grupo 6 (oficios varios), e as mulleres no grupo 5 (persoal de fabricación), incluso ocupando os mesmos postos de traballo, ou segregando os traballos en función do xénero».

A técnica de igualdade reiterou que os salarios dos convenios de sectores feminizados adoitan ser bastante inferiores aos dos sectores masculinizados, cunha diferenza dun 30%, só no concepto salario base, o que supón máis de 500 euros mensuais, que se ve incrementada coa asignación de complementos salariais.

Comparando entre categorías iguais, as diferenzas entre os convenios masculinizados e os máis feminizados, son demoledoras e aumentan a medida que se require máis cualificación: detéctase unha fenda do 45% (o que supón 1106 euros mensuais menos) entre a categoría de titulado/a superior no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra e o da construción desta mesma provincia.

O caso de COPO Galicia: as mulleres traballan máis horas por menos cartos

Para visibilizar no concreto as discriminacións, a secretaría das Mulleres acordou iniciar as mobilizacións de denuncia asociadas á campaña cunha concentración diante da empresa Copo Galicia, do sector da automoción. A fábrica de Mos pertence a COPO pero é a única empresa do grupo que non conta cun convenio propio na provincia de Pontevedra.

Nas instalacións traballan arredor de 50 persoas, a metade mulleres e a metade homes. Os traballos que se realizan en produción están separados en función do xénero da persoa traballadora. En base a esta segregación a empresa aplica as mulleres case na súa totalidade o convenio da industria téxtil e aos homes o convenio da industria química.

«É dicir, que as mulleres, principalmente contratadas na categoría de especialistas do convenio de industria téxtil, están cobrando o salario mínimo, mentres que os homes contratados nos grupos 2, 3 e 4 do convenio de industria química, perciben arredor de 20.000 euros anuais. Hai unha diferenza de entorno a 6000 euros anuais só no salario base, o que supón unha fenda do 30%», alertou. A isto hai que sumarlle que a xornada anual das mulleres é 66 horas ao ano superior, polo que traballan 8.25 días máis ao ano por menos diñeiro.

Por este motivo, concluíron Castro e Mariño, «o luns 29 concentrarémonos diante das portas na fábrica, esixindo que remate xa esta discriminacións as mulleres da empresa e se lles apliquen as mesmas condicións salariais e laborais que aos traballadores de COPO Galicia desde xa e que se constitúa a mesa para a negociación do convenio propio de empresa igual que o resto de empresas do grupo».

Medidas urxentes para rematar coa discriminación salarial

  • Actuación de inspección de traballo para obrigar as empresas a cumprir co principio de igualdade retributiva.
  • Que se remunere en cada empresa o mesmo salario pola realización dos traballos de igual valor.
  • Complementos salariais por determinadas tarefas, coñecementos e condicións de traballo ligadas a sectores ou postos de traballo feminizados.
  • Que os sistemas de clasificación profesional non xeren diferenzas nos salarios das mulleres nin dentro de cada empresa, nin no marco de referencia do mercado de traballo.
  • Rematar coa segregación ocupacional que asigna as persoas a diferentes postos de traballo en función do seu xénero.
  • Medidas reais para rematar coa fenda nas pensións: estabelecendo un cómputo diferenciado para mulleres e homes de anos mínimos de cotización, considerando como efectivamente cotizado todo o tempo de traballo reducido ou con ausencias derivadas da conciliación e aplicando un coeficiente compensatorio da débeda coas mulleres que se deriva da discriminación salarial que sufrimos, aumentando as pensións até acadar a igualdade real de ingresos.

igualdad /