Redacción •  Galicia •  21/05/2023

Traballadores/as de Comfica seguen coas protestas polo cumprimento do convenio e melloras laborais

  • As protestas realizáronse diante das tendas de Movistar e Orange da Praza de Pontevedra da Coruña.
Traballadores/as de Comfica seguen coas protestas polo cumprimento do convenio e melloras laborais

Os traballadores e traballadoras de Comfica Bergondo volvéronse concentrar este sábado para denunciar a situación de precariedade laboral que padecen. As protestas realizáronse diante das tendas de Movistar e Orange da Praza de Pontevedra da Coruña, xa que o persoal de Comfica é o que se encarga dos traballos de instalación e mantemento da rede destas empresas.

Despois da concentración feita a pasada semana non se produciu ningún avance, xa que aínda que estaba prevista unha xuntanza para abordar os problemas laborais, a empresa anulouna sen concretar unha nova data de reunión.

A este respecto, o persoal lembra que Comfica está incumprindo o convenio colectivo no relacionado co abono das dietas e das gardas «que paga cando e como quere», aínda que sempre con atrasos e erros nos cálculos.

Xunto a isto, reclaman unha mellora das categorías profesionais, ao igual que a empresa está aplicando ao persoal doutros centros de traballo, pois hai traballadores/as que levan 20 anos desenvolvendo a súa actividade e seguen sendo oficiais de terceira. De igual maneira, exixen o cese dos traslados de persoal a outros proxectos distintos (ou incluso a outros centros de traballo) e que rematen as presións para aumentar os ritmos de traballo.


Sindicalismo /