Redacción •  Galicia •  11/04/2026

Esquerda Unida esixe a retirada inmediata do Plan Para Combater o Fraude nas Baixas Laborais

  • Alba Torreiro: “Estamos ante un ataque directo a dous piares básicos do Estado social: o dereito á protección da saúde e o dereito á baixa laboral por enfermidade sen presións nin inxerencias empresariais. A Xunta pretende criminalizar ás persoas traballadoras e abrir a porta á privatización encuberta das baixas médicas”.
Esquerda Unida esixe a retirada inmediata do Plan Para Combater o Fraude nas Baixas Laborais

Esquerda Unida cualifica de “gravísima deriva antisocial e ideolóxica” o plan anunciado polo Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para “combater o fraude nas baixas laborais”, “unha iniciativa que parte da sospeita xeneralizada sobre a clase traballadora e que pretende dar máis poder ás mutuas privadas para fiscalizar procesos médicos que deben estar exclusivamente en mans da sanidade pública” afirma Alba Torreiro, responsable de Área Externa de Esquerda Unida.

En palabras de Alba Torreiro, “non se poden construír políticas pública desde a desconfianza cara ás persoas traballadoras nin poñer en cuestión dereitos fundamentais baixo escusas economicistas”. Torreiro advertiu de que este tipo de medidas “erosionan a cohesión social e abren a porta a unha perigosa mercantilización da saúde”.

 Baixo a escusa dun suposto “fraude masivo”, Esquerda Unida sinala que o Goberno galego “constrúe un relato perigoso: presentar ás persoas enfermas como sospeitosas e trasladar á opinión pública a idea de que o problema está nas traballadoras e traballadores, e non na precariedade laboral, na sobrecarga dos servizos sanitarios e no deterioro da atención primaria provocado polas políticas do propio PP durante anos” matiza Alba Torreiro.

A intención de outorgar máis capacidade de intervención ás mutuas supón, na práctica, poñer a avaliación médica baixo a influencia de entidades cuxo interese non é a saúde das persoas, senón a redución de custos empresariais. Isto constitúe unha privatización encuberta dunha función sanitaria e unha inxerencia inaceptábel na relación médico-paciente.

Para Esquerda Unida, o máis preocupante é o fondo ideolóxico desta proposta: substituír a confianza na sanidade pública pola sospeita sobre as persoas traballadoras, e usar cifras económicas para xustificar un recorte de dereitos sociais.

“Se a Xunta quere reducir as baixas de longa duración, a solución é clara e coñecida: reforzar a atención primaria, reducir listas de espera, mellorar as condicións laborais que xeran enfermidades físicas e mentais e deixar de recortar en persoal sanitario – apunta Torreiro -. O que non é aceptábel é converter ás persoas enfermas en sospeitosas nin permitir que entidades privadas condicionen decisións médicas.


derechos laborales /