Redacción •  Galicia •  15/02/2026

BNG votará en contra do acordo UE-Mercosur no Parlamento Europeo na defensa do sector agrogandeiro galego

  • Ana Miranda e Iria Castro mantiveron un encontro informativo en Castroverde sobre as consecuencias negativas do tratado entre a Unión Europea e o Mercosur.
BNG votará en contra do acordo UE-Mercosur no Parlamento Europeo na defensa do sector agrogandeiro galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, avanzou esta tarde en Castroverde que, de forma coherente á posición que vén mantendo o Bloque desde hai meses, votará non ao acordo entre a UE e o Mercosur no pleno do Parlamento Europeo. “Nós temos moi claro cal era o noso voto, despois de falar cos labregos, despois de estar nas tractoradas cos gandeiros”, sinalou.

“Dende o BNG temos moi claro que o acordo Unión Europea – Mercosur non favorece aos gandeiros e gandeiras nin de Castroverde nin de outras vilas galegas que dependen da agricultura, que dependen precisamente destas explotacións gandeiras familiares”, salientou a eurodeputada galega nun encontro con gandeiros e gandeiras en Castroverde, no que participou a portavoz municipal e deputada provincial, Iria Castro.

Na súa intervención, Ana Miranda explicou as consecuencias negativas que ten este acordo para o sector agrogandeiro galego, motivo polo que conta coa oposición do BNG. “O que non queremos é que outra carne invada os nosos mercados nin que se faga como se fixo este acordo de costas ao Parlamento Europeo”, engadiu.

Pola súa banda, Iria Castro destacou a presenza en Castroverde da eurodeputada do Bloque para explicar en que punto está o acordo “e os pasos que quedan por dar nas institucións europeas, cale o noso papel e que podemos facer”. Salientou ademais que este encontro “é unha oportunidade para falar das implicacións que sabemos que vai ter o tratado para ganderías como as que temos no Concello, na comarca e en toda a provincia”.

Cláusulas de salvagarda

No encontro tamén se falou das cláusulas de salvagarda, que foron aprobadas esta semana no pleno da Eurocámara con 483 a favor 102 en contra e 67 abstencións (entre elas a do BNG). Segundo apuntou Ana Miranda”, para o BNG estas cláusulas “non son a panacea” para o sector, xa que actuarán cando o sector xa note as consecuencias negativas do acordo. Apuntou tamén que precisamente foi o BNG quen defendeu desde o principio que, de aplicarse o acordo, esas salvagardas fosen maiores, ao que tanto PP como PSOE se opuxeron.

A respecto da situación actual do acordo, a eurodeputada galega lembrou que o pleno do Parlamento Europeo de xaneiro aprobou (con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións) trasladar o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza Europeo para que ditamine se é este acordo é compatible cos tratados europeos, asunto que contou coa oposición do PP. Porén o BNG considera que o acordo non foi xestionado de forma democrática, xa que tanto a Comisión Europea como o Consello non respectaron os principios de cooperación entre institucións.

Ana Miranda recordou tamén que, en liña con esta postura, asinou unha carta dirixida á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Layen, para instar á Comisión “a que non avance na aplicación provisional do acordo comercial UE-Mercosur, nin de ningunha das súas partes, até que o Tribunal de Xustiza Europeo emita o seu ditame”.


acuerdo UE-Mercosur /