Pontón acusa o Goberno do PP de querer levar Galiza cara atrás con proxectos propios do franquismo industrial como Altri
Acusa a Rueda de importar a lameira política madrileña porque lle pon nervioso o ascenso do BNG, que non vai frear “nin con bulos nin insultos”.
Reivindica a figura de Castelao como exemplo da política honrada que busca mellorar a vida da xente en pensar Galiza en grande.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o Goberno do PP de querer levar Galiza “cara atrás” permitindo o “espolio” da nosa terra con proxectos que son máis propios do “franquismo industrial” como é o da macrocelulosa contaminante que Altri pretende instalar en Palas de Rei.
“Rueda ten que deixar dunha vez por todas de facer o triste papel de comercial de Altri, porque o futuro de Galiza pasa por industrias de vangarda, non por proxectos contaminantes que ninguén máis quere”, asegurou durante a súa intervención no Simposio Castelao, organizado pola Fundación Galiza Sempre dentro dos actos de celebración do 75 aniversario do seu falecemento no exilio. “Se Castelao estivese aquí estaría ao lado dos milleiros de galegos e galegas que dicimos que non queremos unha bomba ambiental no corazón do País”, afirmou.
A portavoz nacional reivindicou así vixencia do pensamento de Castelao para construír a Galiza en grande pola que traballa agora o BNG, “con confianza no noso País, nas nosas propias forzas e na nosa xente”. Un legado que se estende tamén á forma de entender a política, “desde a dignidade, a honradez e a xenerosidade”. Fronte a quen quere impoñer o descrédito da política, defendeu “a política en positivo que mellora a vida das persoas e o futuro do País”.
É por iso que, subliñou, o PP de Rueda, que é “o máis ultra e antigalego da historia”, non vai atopar o BNG na “crispación e a lameira da política madrileña” que pretende importar a Galiza polo nerviosismo que lles provoca “un BNG que vai a máis, que segue medrando e que cada vez chega a máis xente”.
“Imos deixar a Rueda e o PP chapoteando na súa lameira e non nos van parar nin con bulos, nin con insultos nin con ataques amplificados por unha TVG que de galega xa só lle queda que a pagamos entre todos e todas cos nosos impostos”, incidiu.
Pontón acusou o PP de “deturpar, maltratar e ignorar” o legado de Castelo porque “lle pesa o seu pasado franquista” e porque a súa figura “venlle grande e non soporta a súa aposta por unha Galiza que decida por si mesma, que defenda os seus intereses e que se poña ao lado da xente que máis o necesita”. Esa é a explicación, engadiu, pola que os populares votaron en contra do recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galiza, un recoñecemento que lle corresponde por “xustiza e por dignidade” e polo que o BNG, avanzou, seguirá traballando no futuro. “Non poden seguir negando a historia e ocultando a memoria”, advertiu Pontón, para quen a celebración que a Xunta está a facer neste Ano Castelao non é máis que un “lavado cosmético”.
O pensamento de Castelao, unha emenda á totalidade das políticas do PP
“Néganlle o recoñecemento porque o seu pensamento e a súa biografía son unha emenda á totalidade das políticas do PP”, destacou a portavoz nacional, referíndose neste punto á lingua como “exemplo paradigmático” do incómodo que lle resulta aos populares a figura de Castelao, quen dicía que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.
Sobre esta cuestión, a líder do BNG salientou que o BNG non vai permitir a “fraude histórica”, iniciada xa no franquismo, que supón reducir a Castelao á súa faceta artística, intentando convertelo nunha figura “desprovista de ideoloxía e de compromiso político, mesmo utilizándoo como ariete en contra dos ideais que defendeu”.
“No Bloque non imos permitir semellante fraude, porque sería unha falta de respecto e unha aldraxe a Castelao e a toda a súa xeración, que pagaron un prezo altísimo, mesmo coa súas vidas, para defender unha Galiza libre e dona do seu futuro”, manifestou para reivindicar, mais unha vez, que o “político intachable, o artista brillante, o escritor xenial e pensador rigoroso” foi “unha figura central na historia do nacionalismo galego e na historia política de Galiza”.
Pontón cuestionou que dende o Goberno de Rueda digan agora que Castelao é de todos. “Castelao é de todos e todas menos dos que atacan o que el máis amou: Galiza, a súa lingua e a súa xente; Castelao é de todos e todas as que levan Galiza na cabeza e no corazón, Castelao é de todos e todas menos dos fascistas e dos seus herdeiros; Castelao é de todos e todas menos dos que deturpan as súas ideas e o seu legado político”, proclamou a líder nacionalista durante a inauguración do encontro organizado pola Fundación Galiza Sempre, que reuniu a numeroso público no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC.
