Chaman o persoal da Atención Primaria a dar unha resposta contundente na folga do 26 de novembro
Demandan da Consellaría de Sanidade que retire as propostas que empeoran as condicións laborais e a prestación asistencial e abra unha negociación real

As organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial do SERGS (CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT) compareceron este venres en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de folga na Atención Primaria para o vindeiro 26 de novembro en resposta ao cambio de modelo que pretende a Consellaría de Sanidade e que suporá precarizar as condicións laborais e unha rebaixa da prestación asistencial que recibe a cidadanía.
“Estamos ante unha agresión dunha magnitude suficientemente grande como para necesitar unha resposta contundente por parte das organizacións sindicais”, aseverou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, quen instou o SERGAS a retirar a proposta presentada na Mesa Sectorial do 17 de outubro e abrir un marco de negociación “para crear unhas condicións dignas na nosa Atención Primaria tanto para as traballadoras e traballadores como para a cidadanía”.

Advertiu que fronte a situación límite do primeiro chanzo da sanidade pública, a Consellería de Sanidade “modifica a realidade da Atención Primaria non para mellorar esas condicións de traballo sino para empeoralas aínda máis”. Por iso, exixiu a retirada da nova categoría de persoal facultativo especialista de Atención Primaria que a Consellaría creou no ano 2022, a través dunha lei de acompañamento e sen negociar na Mesa Sectorial, porque non serviu para incorporar novo persoal nin reter profesionais no sistema.
“O que pretenden agora é estender esta categoría FEAP a todos os postos de medicina de familia, precarizando as condicións de traballo”, denunciou o secretario da CIG-Saúde. Explica que até agora había unha categoría de medicina de familia asociada á prestación de servizos no centro de saúde ou no punto de atención continuada. “O que quere a Consellaría é que as e os profesionais fagan a xornada ordinaria no centro e saúde e xornada obrigatoria a maiores nos PAC”.
Esta medida, subliña, sobrecargará de traballo ao pouco persoal que hai na Atención Primaria, non servirá para atraer ao estudantado de medicina, que optará por especialidades con melloras condicións laborais, e ademais rematará co modelo de persoal específico para atención de urxencias e emerxencias dos PAC.
Fonte a isto, as organizacións sindicais reclaman negociar un plan de ordenación de recursos humanos no prazo máximo de seis meses, que permita analizar centro por centro “como están as condicións de cada posto de traballo, de cada ámbito e de cada categoría profesional, ver cales son as necesidades de recambio de profesionais e de incrementar eses cadros de persoal, como están desenvolvidas as carteiras de servizos de cada categoría profesional para maximizar o seu funcionamento”.
Cómpre tamén elaborar unha valoración da accesibilidade en Atención Primaria para mellorar, reforzar as áreas administrativas, potencia a enfermería e convocar concurso especifico da especialidade de enfermería familiar e comunitaria, incorporar profesionais de psicoloxía clínica, ou fortalecer especialidades como fisioterapia.

Ao tempo, as organizacións sindicais piden garantías de que non se favorecerá nin facilitará desde a Consellería de Sanidade un modelo de homologación de titulacións extracomunitarias que devalúen a especialidade de medicina de familia comunitaria e que non se contratará a persoal sen a titulación da especialidade. “O sistema de formación de especialidades sanitarias ten demostrado ser un valor do noso sistema sanitario”, aseverou Moreira.
Calendario de mobilizacións
“O obxetivo desta convocatoria de folga é que o SERGAS faga o que non fixo durante estes últimos anos, que é negociar coas organizacións sindicais as condicións de traballo para que as traballadoras e traballadores da sanidade pública poidamos ofrecer o mellor servizo posíbel á cidadanía”, reiterou Moreira.
Na comparecencia pública, as organizacións sindicais lanzaron un chamado a todo o persoal da Atención Primaria a participar masivamente da folga e das mobilizacións previas para conseguir que Sanidade abra esa mesa de diálogo. Neste calendario de mobilizacións, están convocadas concentracións de 15 minutos diante dos centros de saúde e PAC os días 17, 18 e 19 de novembro ás 11h e ás 18h. O día 19 ademais haberá concentración ás 11 horas diante do SERGAS.
Xa para a xornada de folga do 26, as centrais sindicais teñen prevista unha gran mobilización en Santaigo de Compostela, ás 11 horas, diante do SERGAS. Ademais, de non obter unha resposta positiva por parte da adminsitración, xa avanzaron que intensificarán as medidas de protesta.
