Ana Pontón reclama un novo status de nación para Galiza
- “Basta xa de que decidan por nós desde Madrid. Queremos a chave dos nosos cartos e das nosas decisións”.
- A portavoz nacional do BNG reivindica o legado do Estatuto do 36 e de Castelao como folla de ruta para construír unha Galiza con futuro, xusta e próspera.

O Bloque Nacionalista Galego conmemorou este sábado o aniversario da histórica aprobación do Estatuto de 1936 para reivindicar un novo status político para Galiza, que a recoñeza como nación con plenos dereitos e con capacidade real para decidir sobre o seu futuro. Nun acto celebrado na Alameda de Santiago, diante da escultura de Rosalía de Castro, a portavoz nacional, Ana Pontón, apelou ao espírito de unidade e compromiso que inspirou á sociedade galega naquela histórica xornada do 28 de xuño de 1936.
“Se pechamos os ollos neste lugar tan simbólico, case podemos sentir a enerxía que percorreu Galiza aquel día. Podemos ver o entusiasmo de todo un pobo que saíu en masa a votar si ao Estatuto, si a ter máis poder para decidir, si ao autogoberno”, lembrou Pontón, que puxo en valor a figura de Castelao como referente indiscutible do nacionalismo galego.
A líder do BNG quixo destacar que Castelao, quen dedicou a súa vida á defensa de Galiza, foi consciente de que aquel Estatuto non recollía todas as súas aspiracións, pero entendía que era un paso decisivo no camiño cara á soberanía. “Hoxe seguimos ese camiño, coa mesma determinación, porque o que querían Castelao e as xeracións do galeguismo histórico segue a ser unha tarefa pendente: que Galiza teña capacidade plena para decidir o seu futuro”, asegurou.
Pontón denunciou que, case noventa anos despois, Galiza segue atrapada nun marco de autogoberno limitado, con competencias recortadas e cun modelo de financiamento que supón un claro espolio para o país. “O actual sistema permite que o Estado recade máis de 5.000 millóns de euros ao ano en Galiza dos que non retorna ao noso país. Mentres tanto, PP e PSOE, dende Madrid, négannos a chave dos nosos recursos e seguen tratándonos como unha periferia subsidiada, cando a realidade é exactamente a contraria”, explicou.
Fronte a esa realidade, o BNG propón un novo marco político que recoñeza Galiza como nación, con soberanía plena no ámbito político e financeiro. “Queremos un concerto económico, como teñen Euskadi e Navarra, que nos permita decidir sobre o 100% dos nosos recursos. Porque sen soberanía financeira, non hai soberanía política”, subliñou.
Pontón advertiu que Galiza non pode permitirse quedar atrás mentres Euskadi e Cataluña avanzan cara a marcos de autogoberno moito máis ambiciosos. “Non podemos aceptar ser cidadáns de segunda nun Estado que avanza en asimetrías, pero sempre deixando a Galiza na marxe”, afirmou.
O novo status que propón o BNG non é unha reivindicación simbólica, senón unha ferramenta imprescindible para resolver os problemas reais da sociedade galega. “Queremos ter a chave dos nosos recursos para garantir dereitos sociais, para blindar a sanidade, a educación pública, o coidado das persoas maiores e a protección do noso medio ambiente. Queremos poñer freo ao espolio eólico, á precariedade laboral e ao encarecemento da vivenda, que afoga á xente moza”, sinalou.
“Este país non quere ser figurante nunha historia escrita por outros. Queremos escribir o noso propio guión, poñernos ao volante da nosa propia historia e decidir, nós sobre o noso”, concluíu.