A vivenda debe ser un dereito e non un vulgar negocio
O problema da vivenda é o permitir que sexa un vulgar negocio e unha ferramenta de especulación e non un dereito fundamental garantido pola Constitución e as leis.
Pseudo xornalistas como Ana Rosa Quintana, que se dedican a especular coa vivenda, teñen nas súas mans utilizar programas de televisión de máxima audiencia para defender os seus intereses, programas onde sementan o medo inflando o problema da ocupación e venden sistemas de alarmas.
Moitas cousas como a saúde non poden ser un negocio, nin a educación, ou a auga, a enerxía, e tampouco a vivenda. Como tampouco se poden vender o sangue ou os órganos humanos ou os ventres de alugueiro.
Mentres a administración pública se rexa por motivos económicos e non polas necesidades sociais non haberá unha verdadeira xustiza social. Unha administración pública sen empatía que trata de poñer obstáculos ao cidadán en vez de axudalo cando ten unha necesidade é inimiga do pobo goberne quen goberne.
A socialdemocracia non é de esquerdas, o actual goberno non é socialcomunista, dio un radical de esquerdas.
Desgrazadamente os políticos profesionais non coñecen a realidade e viven na súa burbulla chea de privilexios, bos salarios, congresos e eleccións. O peor é que á maioría deses políticos tampouco lles interesa sabelo se non é para usalo, a súa función é vender un relato e defender uns intereses determinados.
Gran parte da clase política non é patriota, nin de patria, nin de clase, son simples cipayos e mamporreiros do poder a distintos niveis de dexeneración.
Necesitamos máis radicais, porque un radical é a persoa que vai á raíz dos problemas. A moderación e as medias tintas son a antesala da traizón, por iso necesitamos máis honestidade, máis idealismo, máis ideoloxía e menos política burguesa ao servizo das oligarquías que nos gobernan sen presentarse ás eleccións.
