André Abeledo Fernández •  Opinión •  06/01/2022

Reforma laboral, ilusión e decepción

A nova reforma laboral é simplemente unha modificación sobre a reforma do Partido Popular feita ao dictado da patronal.
É unha reforma que só pode contentar aos que mandan. Ningún dos elementos máis lesivos das anteriores reformas son tocados ou derogados, é unha suposta reforma na que unha vez máis vendennos fume e tentan vendernos uhna nova claudicación como unha victoria.
Ver como dende os medios de comunicación e tamén dende a patronal, CCOOUGT, e o goberno de «esquerdas» tentan convencernos de que na reforma laboral temos gañado todos soname a moi antigo, como aquel anuncio de «facenda somos todos», que ao final non era verdade aínda debería.
Entre outras cousas porque non é posible que gañemos todos, posto que os intereses da clase traballadora non son os mesmos que os da patronal e tamén porque partiamos de posicións moi diferentes, de gran desigualdade e as reformas laborais anteriores tiñan pasado por enriba aos dereitos e as condicións de traballo das traballadoras e dos traballadores.
O terreo perdido non se recupera coa nova reforma en puntos fundamentais como poden ser a protección do traballador ante un despedimento, ou a indemnización en caso de despedimento.
E tampouco se avanza significativamente en algo tan importante como a conciliación da vida persoal e a laboral, a flexibilidade horaria e a falta de medidas neste sentido son ademáis un problema cando falamos da baixa natalidade e do envellecemento da poboación que poñen en risco a sostenibilidade do sistema de pensións.
¿Como vai o tema das liñas vermellas?.
¿Unha das liñas vermellas para a nova reforma laboral non era a indemnización por despedimento?.¿Xa non?. ¿Solo manten liñas vermellas a dereita cando manda?.
Cando manda a dereita impón a reforma laboral para que gañe a patronal, e cando goberna a «esquerda» resulta que temos que pactar para que non perda ninguén. A mín non me sae a conta. ¿Cando lle toca gañar a clase traballadora?.
André Abeledo Fernández (Delegado de Persoal da CIG en Mercadona na Provincia de A Coruña).

Opinión /