Redacción •  Galicia •  31/12/2021

Esquerda Unida afea a Feijoó por maltratar ao persoal sanitario, ao non haber persoal suficiente nos centros de traballo

A Xunta de Galicia ten que preguntarse por que non hai persoal suficiente nas listas de contratación e mellorar as condicións nas que traballan as profesionais para ter máis persoal disposnible.

Esquerda Unida afea a Feijoó por maltratar ao persoal sanitario, ao non haber persoal suficiente nos centros de traballo

En rolda de prensa celebrada o día de hoxe pola Coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla fixo un repaso á actualidade política centrándose nas políticas de sanidade ante a a sexta vaga de COVID 19 e que Eva Solla tacha de “improvisada e chafalleira por parte da Xunta de Galicia”.

Sinala Eva Solla que “ningunha das medidas que o PP tomou ante esta sexta vaga de COVID, vai encamiñada a mellorar a situación do sistema sanitario, a incrementar o persoal, ou a dotar de recursos a sanidade pública”.

Ademais tacha de “indecente e incomprensible a privatización do servizo de rastrexadores e rastraedoras que actualmente leva unha empresa de telemarketing, que non está a ter capacidade de abordar esta sexta vaga, tanto pola falta de persoal como de formación en materia sanitaria” e que desde Esquerda Unida considérase unha auténtica chapuza.

Eva Solla considera incomprensible, ademais que nun momento de pandemia “os últimos orzamentos destinados a 2022, reducen nun dous por cento dos medios destinados á atención primaria”.

A coordinadora de Esquerda Unida fai un chamamento “á Consellería de sanidade e á Xunta, que se reuna cos profesionais e sindicatos para adoptar as medidas suficientes” e apoia as mobilizacións realizadas pola sanidade pública e polas profesionais do sector que se manifestaron, tanto en Lugo, A Coruña e outros lugares de Galicia en defensa da sanidade pública.


Alberto Núñez Feijóo /