A CIG traslada o acto central do 1º de Maio a Lugo en resposta á deriva autoritaria do PP
A central entende que no actual contexto de medre do fascismo non pode quedar impasíbel ante as actitudes golpistas e antidemocráticas

A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunica o traslado do seu acto central do Primeiro de Maio á cidade de Lugo en resposta á deriva “autoritaria e golpista” do Partido Popular, “que vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas asaltando o Goberno municipal cunha moción de censura nuns termos inaceptábeis”. A central sindical entende que no actual contexto do medre do fascismo non pode quedar impasíbel ante este novo intento do PP de seguir escalando no proceso autoritario e na imposición de políticas inxustas que o levou a institucionalizar o diálogo social, anular a representatividade da CIG con carácter xeral e nas mesas sectoriais, promover cambios no TSXG, exercer un férreo control sobre os medios de comunicación públicos, etc.
A central sindical adoptou esta decisión ante a situación social de “especial gravidade” que se vive en Galiza como consecuencia do aumento destas actitudes “autoritarias, antidemocráticas e golpistas” dun PP que está a aplicar un paquete de medidas de control social e de recorte de dereitos, cuxos exemplos máis recentes son o plan para o control e a criminalización das baixas médicas -culpabilizando a clase traballadora por caer enferma- ou o decreto de institucionalización do chamado diálogo social, nun intento de limitar a acción da maior organización sindical do país como é a CIG.
“Non imos quedar mirando como se conculcan os dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista, polo que facemos un chamamento á clase traballadora galega a tomar as rúas este Primeiro de Maio participando nas 20 mobilizacións que a CIG ten convocadas por todo o país”, sinala o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que participará na manifestación central que terá lugar en Lugo.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:
- Vigo: ás 12 horas, no Cruce da Dobrada.
- A Coruña: ás 12 horas, na Praza de Vigo
- Ferrol: ás 12 horas, no Local Sindical (Avd., do Esteiro)
- Lugo: ás 12:00 horas, desde Edificio Sindical (Rda Muralla). Esta manifestación ten carácter central.
- Ourense: ás 11:30 horas, na Praza Maior.
- Pontevedra: ás 12 horas, en Pasantería.
- Santiago de Compostela: ás 12:30 horas, na Praza Roxa.
- A Estrada: ás 12 horas, na Praza do Mercado.
- A Guarda: ás 12:00 horas, na Praza Avelino Vicente.
- As Pontes: ás 12:00 horas, na Praza de América.
- Cangas: ás 18:00 horas, desde o Concello.
- Carballo: 12:00 horas, na Praza do Concello.
- Cee: ás 12:00 horas, na Praza de Otero Lastres.
- Foz: ás 12:00 horas, desde a Praza de Galiza.
- Monforte: ás 12:00 horas, na Praza de España.
- O Porriño: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
- Ribeira: ás 12:00 horas, no Mercado Municipal.
- Verín: ás 12:00 hroas, na Praza do Concello.
- Vilagarcía: ás 11:30, na Avda da Mariña.
- Vilamartín de Valdeorras: ás 12:00 horas, na Praza José Luís Núñez.
