Redacción •  Galicia •  29/10/2020

Esquerda Unida denuncia o desabastecemento de vacinas da gripe nos centros de saúde galegos

Esquerda Unida denuncia que a pésima previsión da Xunta de Galicia nas necesidades de abastecemento dos diferentes tipos da vacina antigripal está a causar a imposibilidade de vacinar á poboación de diversos concellos cando aínda estamos ao inicio da campaña de vacinación.

Esquerda Unida denuncia o desabastecemento de vacinas da gripe nos centros de saúde galegos

O pasado 13 de outubro daba comezo a campaña de vacinación antigripal anual no SERGAS. Este ano, marcado pola pandemia da Covid-19, a Xunta de Galicia decidiu administrar tres tipos de vacinas para reforzar a cobertura das persoas maiores que viven en residencias, así como facer un chamado a ampliar a vacinación para aquelas persoas convivintes ou próximas que poidan contaxiar a gripe a maiores ou persoas enfermas crónicas.

Non se pode entender, que nunha situación na que se está a facer desde a administración autonómica un chamado masivo para ampliar a cobertura de vacinación da poboación, ao mesmo tempo non se prevexa o necesario remanente para evitar o desabastecemento.

En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “a peor situación se está a dar no caso da vacina tetravalente para os menores de 65 anos. Por primeira vez se ampliou a poboación diana, para que fosen vacinarse as persoas convivintes con persoas vulnerables e agora resulta que non hai vacina para todos os menores de 65. É unha irresponsabilidade, porque se está a desprotexer ás persoas enfermas crónicas de menos de 65, que deberían estar a vacinarse e non saben cando o van poder facer.”

Solla remarca: “É positivo que se amplíe a poboación diana, pero non a costa de este caos. Non se entende como pode haber desabastecemento só dez días despois de comezar a campaña. Hai centros de saúde que non volven dar citas a quen llas anulan. Son os pacientes os que están obrigados a chamar seguido para saber se xa hai vacinas no seu centro o que non favorece desconxestionar os teléfonos dos centros.”

Esquerda Unida solicita á Xunta de Galicia que corrixa cantos antes este problema de abastecemento e que dote aos centros de saúde de persoal suficiente para poder facer fronte ao incremento da demanda de vacinación.


Esquerda Unida /