Redacción •  Galicia •  26/05/2026

BNG acusa o PP de coaccionar o persoal médico e esixe retirar de inmediato a campaña de criminalización do dereito ás baixas

Olalla Rodil: “Rueda trata as traballadoras e traballadores como se fosen vagos e maleantes e o persoal sanitario como se fosen defraudadores”.

Acusa os populares de “mentir a mantenta” coas cifras da Airef, que indican que Galiza é a segunda das CCAA con menos baixas en relación ás afiliacións.

BNG acusa o PP de coaccionar o persoal médico e esixe retirar de inmediato a campaña de criminalización do dereito ás baixas

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o PP de “coaccionar” o persoal médico do Sergas ligando o plus de produtividade á tramitación das baixas laborais segundo tempos preestablecidos. “O PP trata as traballadoras e traballadores como se fosen vagos e maleantes e o persoal sanitario como se fosen defraudadores que van dando baixas como quen reparte caramelos á porta dunha escola”, subliñou.

Rodil reclamou o PP que retire a proposta feita e cese “a campaña de criminalización e persecución” do dereito á baixa laboral na que se enmarca.  “O PP conseguiu algo complexo e case inédito, que é poñer de acordo a todo o mundo, a entidades e organizacións que mesmo representan intereses en moitos casos contrapostos”, subliñou a deputada, aludindo así ao “contundente” rexeitamento á medida tanto por parte dos colexios médicos como dos sindicatos, “que mesmo cualifican de mercadeo coa saúde da cidadanía esta campaña do PP”.

Unha campaña que o PP emprendeu utilizando datos que non se corresponden coa realidade. “Menten a mantenta intentando facerlle crer á xente que hai traballadoras e traballadores rascando a barriga na casa cando en realidade son persoas que están enfermas”, denunciou.

A deputada do BNG remarcou que é “absolutamente falso” que no País exista un problema coas baixas laborais e, de feito, os datos oficiais da Airef indican que Galiza é a segunda das CCAA con menos baixas laborais en relación ao total de persoas afiliadas (27,27 por mil”, cunha incidencia “moi lonxe” da media do Estado (36,8 por mil).

Ademais, subliñou, a metade das baixas non chega a quince días de duración e as que máis aumentan desde 2017, sempre segundo as cifras da Airef, son as de menos de 3 xornadas, que non xeran dereito a prestación.

A viceportavoz parlamentaria do BNG acusou o PP de lanzar este “ataque” contra os e as traballadoras para recortar dereitos e beneficiar os intereses da patronal e tamén “para desviar a atención dos problemas reais do País, como son as listas de espera e o desmantelamento da sanidade pública que é consecuencia directa das políticas do PP en Galiza, que só na Atención Primaria recortou máis de 1.600 millóns de euros dese o ano 2009”. 

Tras explicar que a propia Airef sitúa o incremento das baixas nas listas de espera por unha cita médica ou unha proba diagnóstica, Rodil recriminou ao Goberno de Rueda que a súa proposta sexa atacar a clase traballadora e o persoal médico e non propoñer melloras nas condicións laborais das empresas, reducir a xornada laboral, baixar a idade de xubilación ou aumentar o número de facultativos e facultativas nos centros de saúde e nos hospitais.

“Onde queda o dereito á saúde para o PP?”, preguntouse Rodil, que concluíu recomendándolle ao PP que “se quere facer algo dote de máis persoal e máis recursos á sanidade pública galega”.


BNG /