Redacción •  Galicia •  25/11/2021

«Alianza feminista para vencer ao patriarcado»

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla asistirá á manifestación convocada en Vigo polo 25N.

Xoves, 25 de novembro de 2021. Vía norte, Vigo.

«Alianza feminista para vencer ao patriarcado»

Manifiesto Esquerda Unida 25N

O Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres, que se ven celebrando dende 1999 o 25 de Novembro, confirma un ano máis que, debido ao crecemento do movemento feminista a nivel mundial e á alianza feminista de “se nos tocan a unha, tócannos a todas”, somos capaces de conseguir avances relevantes, e que a súa visibilidade e a conceptualización do seu carácter estrutural, son fundamentais para os logros conseguidos. Aínda nos queda moito percorrido para conseguir a erradicación de todas as violencias que sufrimos as mulleres. Un camiño no que a alianza é fundamental para lograr que todas sexamos libres, transformando a sociedade.

No noso país, o avance a través da unión da acción feminista tivo unha forte reacción liderada pola ultradereita e o resto de partidos non progresistas que quixeron sumarse baixo o paraugas do denominado feminismo liberal, que non é feminismo porque non confronta os privilexios que impiden a igualdade real. Os principios do feminismo son totalmente contrarios a perpetuar os privilexios e beneficios que outorga a uns poucos a alianza entre patriarcado e capitalismo. Por iso, desde EU seguimos alzando a nosa voz e dirixindo a nosa loita en contra da violencia machista que se exerce para manter a explotación das mulleres e os roles impostos nesta sociedade patriarcal e esixindo que as mulleres debemos estar no centro do cambio estrutural cara un novo modelo social.

Os discursos negacionistas e a desinformación dalgunhas alegacións políticas, medios de comunicación, redes sociais, etc. alimentan un marco de pensamento contrario ao feminismo. O crecemento do discurso de odio cara ao movemento feminista ten un reflexo nos datos que apuntan ao aumento de quen non recoñecen que existen violencias contra as mulleres polo feito de ser mulleres, sendo a mocidade un colectivo no que calou esta mentira, e xa un 40% identifica a violencia de xénero como invento ideolóxico. Esta deslexitimación do movemento feminista pretende impedir a toma de conciencia sobre a violencia física e sexual e aumentar a invisibilidade de violencias máis difíciles de percibir como a económica, a vicaria, a institucional, a mediática, a psicolóxica, a patrimonial ou a social. Pretende devolvernos a tempos xa superados, pero non o van conseguir porque seguiremos confrontando xuntas nas rúas e nas institucións, como xa estivemos fronte a lei de Gallardón.

O terrorismo machista segue asasinando mulleres no noso país, e segue deixando nenas e nenos orfos. Dende EU manifestamos que é imprescindible aumentar a protección contra esta violencia para poñer a salvo as súas vidas. Porque non bastou con recoñecelas vítimas tamén das violencias machistas cando a patria potestade segue estando por encima da súa seguridade. Para EU, un maltratador nunca debe considerarse un bo pai.

Os nosos corpos seguen sendo campos de batalla en multitude de frontes pero é na violencia sexual na que acomete a súa máxima expresión. Violencia apoiada pola denominada cultura da violación, na que prima o desexo dos homes sobre a vida das mulleres co compoñente engadido de culpabilización das vítimas e xustificación das agresións. Cada catro horas unha muller é violada en España. A última Macroenquisa de Violencia contra a Muller publicada polo Ministerio de Igualdade constata o impacto estatístico da violencia sexual e como os estigmas e estereotipos son aínda a norma.

Só o 8% das mulleres vítimas de agresións sexuais fóra da parella acode aos xulgados, policía ou a garda civil. A maioría de agresores —un 99,6%— son homes e o 60% da violencia sexual é cometida por coñecidos, amigos ou familiares, no caso das violacións esta porcentaxe supón o 80%. Doutra banda, o 40,3% de quen sufriu violencia sexual e o 20,6% das mulleres violadas non denunciaron por medo e vergoña, xa que a violencia sexual segue estigmatizando ás vítimas, acentuándose aínda máis, cando o agresor é coñecido. Non denunciar conleva, ademais de todo o sufrimento imposto, o non acceso aos recursos e axudas dispoñibles. Incorporar na lexislación o concepto de consentimento é clave para confrontar a esa denominada cultura da violación e acadar un sistema xudicial con perspectiva e conciencia de xénero, que realmente cumpra co seu deber.

Destacamos tamén os datos alarmantes que recolle o Estudo de Menores e Violencia de Xénero da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, segundo a cal máis dun 10% das adolescentes españolas foron insultadas ou ridiculizadas pola súa parella, foron afastadas e illadas das súas amizades e presionadas para realizar actividades sexuais que non querían practicar. A hexemonía cultural do patriarcado é abafante, infancia e mocidade seguen educándose a través de películas, vídeos e cancións nas que se perpetúan roles de xénero machistas e patriarcais, dende unha suposta normatividade, que permea toda a sociedade.

O patriarcado segue usando os nosos corpos como fonte de ingresos. Un negocio millonario que se sustenta na feminización da pobreza e na vulnerabilidade das mulleres, que permiten a escravitude sexual e os ventres de aluguer. Esiximos a erradicación da prostitución, comezando polo peche dos prostíbulos, con alternativas para unha vida digna e plena para as mulleres prostituídas, calquera que sexa a súa situación administrativa e de procedencia, e co endurecemento e cumprimento efectivo das sancións e medidas legais contra todos os prostituidores, isto é, contra proxenetas e puteros. O valor das nosas vidas debe impedir poñerlle prezo aos nosos corpos.

O risco de sufrir violencias machistas dispárase por cuestión raza, idade, diversidade funcional, nacionalidade, orientación sexual…. Polo que só desde a diversidade das nosas opresións e recoñecendo as violencias específicas que sofren as mulleres maiores, migrantes, racializadas ou trans, conseguiremos eliminar realmente o machismo da nosa sociedade. Queremos unha sociedade libre de violencias para todas!

A vida laboral tamén é máis difícil para as mulleres: salarios máis baixos, precariedade, temporalidade e parcialidade, chan pegañento e teito de cristal… O 85% das persoas que traballan sen contrato en España somos mulleres: a frialdade destas cifras é unha mostra de que as mulleres son cidadanía de segunda, algo que non debemos tolerar nin normalizar. En EU sabemos que a dominación de clase é un impedimento para a emancipación da maioría das persoas e a violencia contra as mulleres, redóbrao. Emprégase como mecanismo para perpetualo e impedir a disidencia e é un obstáculo para construír sociedades xustas, inclusivas e sostibles. A relación entre a dependencia económica derivada desta situación e o mantemento dunha relación de parella marcada pola violencia de xénero é innegable. Contra a complicidade de capitalismo e patriarcado: Loita de Clases Feminista!

O avance en igualdade é lento e debemos de ser conscientes de que o retroceso pode ser vertixinoso. A situación das mulleres afgás demóstranos a facilidade coa que se recrúan as violencias máis extremas: a total perda de dereitos das mulleres e nenas. Desde EU denunciamos esta situación e pedimos maior vontade e acción á Unión Europea para axudar ás mulleres afgás, creando corredores humanitarios para demandantes de asilo e eliminar o requisito de visado. A loita feminista é internacionalista e seguiremos apoiando as loitas que se dan en todos os lugares do mundo.

É imposible que unha sociedade avance se a metade da poboación vive agredida ou con medo a ser agredida. O feminismo é un movemento transformador que, axuntando loitas e perspectiva de xénero, seguirá na rúa, nas casas e nas institucións denunciando e mostrando que e posible unha sociedade na que todas as persoas podamos desenvolver os nosos proxectos vitais con plenitude e sen explotar a ninguén.

Hoxe 25 N sentímonos orgullosas de ser unha pequena parte desa gran alianza feminista contra o patriarcado. Xuntas farémolo posible.


Esquerda Unida /