Redacción •  turismo.gal •  Galicia •  25/06/2016

Tres deputados provinciais do BNG déronlle o control dun dos principais monumentos da prehistoria galega ao Partido Popular

Xesús Soto Vivero, deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamentos, Xosé Regueira Varela, responsable de Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico e Manuel Muiño Espasandín, pertencente á Xunta de Goberno do organismo provincial, pasaron por alto os informes negativos emitidos polo Servizo de Arquitectura e Patrimonio cedéndolle a inicios deste ano o control do Dolmen de Dombate ao PP de Cabana de Bergantiños pese aos reiterados incumprimentos do convenio firmado no ano 2015.

Tres deputados provinciais do BNG déronlle o control dun dos principais monumentos da prehistoria galega ao Partido Popular

Soto, en declaracións á prensa, anunciou en público a non renovación do acordo de xestión, aducindo a existencia «dunha serie de informes internos de Patrimonio e Arquitectura que non aconsellaban a renovación o do convenio tal e como se estaban realizando as actividades» e axistencia de «cousas nas formas, sempre baseándonos nos informes técnicos, que se están levando a cabo, pero que non se estaban facendo conforme á necesidade de coidar o patrimonio» porque «preservar os valores patrimoniais é o principal, máis que xuntar 5.000 persoas» porque «isto non é un centro comercial nin un estadio de fútbol».

Pese a estas afirmacións, Xesús Soto acabou facendo xustamente o contrario, cando varias das cláusulas firmadas expoñían con claridade que as obrigas do concello eran «o control do tránsito tanto no recinto como nos dous edificios priorizando sobre todo a protección do monumento» e o mantemento «en perfectas condicións de conservación tanto o inmoble coma os bens incluídos no mesmo», o que non sucedeu en ningún caso polos desperfectos aparecidos na réplica ou neodolmen, unha instalación divulgativa cun custo superior aos 83.000 euros. No acordo do 2015 figuraba expresamente como causa de resolución «o incumprimento das clásulas do convenio».

QUÉ HOUBO DETRÁS DA RENOVACIÓN DO CONVENIO NO DOLMEN DE DOMBATE?

Para comprender o acontencido no Dolmen de Dombate hai que situarse na órbita de José María Varela Martínez, xerente da Fundación Eduardo Pondal en Ponteceso e asesor de Cultura do alcalde popular de Cabana, José Muiño Domínguez, e a creación repentina dos premios «Dolmen de Dombate», coincidindo coa finalización do convenio coa Deputación da Coruña.

Na súa primeira edición, outorgáronselle ao arqueólogo José María Bello, á Deputación Provincial da Coruña e ao xornal La Voz de Galicia, que na edición local de Carballo está dirixido por Xosé Ameixeiras e que actual -e casualmente- tamén ocupa o posto de patrono da Fundación Eduardo Pondal.

Nesas circunstancias, só foi necesaria menos dunha semana de presión mediática dende a redacción carballesa de La Voz para darlle a volta á situación, implicando sen maiores problemas aos tamén deputados provinciais do BNG Xosé Regueira e Manuel Muiño.

Nunha entrevista a toda páxina concedida á edición local de La Voz en Carballo o 10 de xaneiro, Xosé Regueira, actual responsable do BNG na Comarca de Bergantiños defendeu sen paliativos que o Dolmen de Dombate debería contar «coa xestión cultural» do Concello e que o PP de Cabana «fixo un bo papel e continuará nesa liña», atisbando ademáis a posibilidade de privatizar, a través do pago dunha entrada, un ben que ata o de agora é público e gratuito.

O caso de Manuel Muiño, actual alcalde de Zas, pódese entender incluso mellor partindo da base de que é o curmán de José Muiño, alcalde de Cabana. Sexa un mero intercambio do estilo «hoxe por ti e mañán por min» ou porque os temas de familia quedan en familia, o resultado é que o Dolmen de Dombate, referencia do megalitismo en Galicia, acabou nas mans dos de sempre coa conivencia dos que tanto falan de «defender o noso».

Con razón recoñecía Anxo Quintana, exvicepresidente da Xunta na etapa do Bipartito, tras abandoar a formación nacionalista despois de catro décadas non compartir «nin na forma, nin no fondo, nin na táctica, nin nos obxectivos», o proxecto político actual do BNG, porque «cando a visión crítica da organización, en vez de excepción, convírtese en norma, é síntoma de que estás no sitio equivocado».


Bloque Nacionalista Galego /  BNG /  Cultura /  dolmen /  Dombate /  megalitismo /  Partido Popular /  patrimonio /  PP /