Redacción •  Galicia •  24/02/2022

Unidas Podemos pide ao Goberno que interveña para evitar o espolio do BIC de San Pedro de Rocas por parte do PP de Baltar

O comezo das obras coinciden co xuízo por un suposto delito de espolio en grao de tentativa.

Unidas Podemos pide ao Goberno que interveña para evitar o espolio do BIC de San Pedro de Rocas por parte do PP de Baltar

Unidas Podemos preguntou no Congreso dos Deputados sobre o expolio do BIC Paisaxe Cultural San Pedro de Rocas polas obras que comezarán antes do próximo 8 de marzo por parte da Deputación de Ourense, no municipio de Esgos.

A Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas denunciou a José Manuel Baltar, tenente alcalde de Esgos, ante a continuidade do proxecto “Mellora e acondicionamento da estrada OU-0509 PQ 9+940-10+600”, alegando que as obras impactarán directamente nun espazo onde converxen ata 9 figuras de protección ambiental.

Asimesmo, existen denuncias interpostas polos donos do terreo, que defenden que as obras suporán a tala de árbores centenarias, ademais de afectar negativamente aos bens protexidos no BIC, causando un “delito de espolio en grado de tentativa”. As obras, que alongarán a estrada que dá acceso ao Monasterio para facilitar a mobilidade dos vehículos, teñen previsto comezar antes do 8 de marzo e coincide co comezo desta causa, o 10 de marzo, no Xulgado do Contencioso de Ourense.

O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, pediu “garantir a conservación e protección do patrimonio histórico” evitando o espolio do BIC Paisaxe Cultural San Pedro de Rocas. As obras foron autorizadas pola xefa territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, Sandra Quintas. Ademais, tamén asinou a delegada da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, a pesar de que existen informes negativos previos sobre a obra da estrada, cando o espazo tiña moita menos protección.

“O señor Baltar debe respectar este BIC e deixar de utilizar ao seu antollo un dos monumentos máis antigos da nosa historia”, sinalou Gómez Reino. O deputado lembrou tamén que as obras serán executadas pola entidade Opain, SL, sucesora da filial Ocasa, que foi denunciada e investigada polo Ministerio de Fomento pola adxudicación de contratos na Demarcación de Estradas de Ourense e por Competencia, por “formar parte do chamado «cártel do asfalto en Galicia»”, recolle o documento xa rexistrado no Congreso.

Por todo iso, a pregunta parlamentaria pide ao Ministerio que interveña e impida a violación de diversas leis de protección patrimonial e o espolio de diversos bens protexidos en calidade de titular das competencias básicas en materia de patrimonio cultural e o seguimento do estipulado polos artigos segundo e cuarto da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.

Podes ver aquí a nosa iniciativa.


Galicia en Común /