Redacción •  Galicia •  23/08/2020

EU denuncia o continuo desprezo do SERGAS polo persoal sanitario no CHUO e apoia as demandas das traballadoras

Desde Esquerda Unida enténdese que esta situación é dunha imprudencia intolerable e denuncia o continuo desprezo do SERGAS e da Consellería de Sanidade polo persoal do CHUO, que durante anos leva facendo públicas todo tipo de carencias que poñen en perigo a saúde de persoal e usuarias.

EU denuncia o continuo desprezo do SERGAS polo persoal sanitario no CHUO e apoia as demandas das traballadoras

O pasado venres, persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense concentrábase ás portas do hospital reclamando que a Consellería de Sanidade respete o seu dereito á saúde como traballadoras e traballadores. O persoal puxo de manifesto a ausencia de protocolos uniformes para todo o SERGAS en materia preventiva en relación ao Covid-19, advertindo que non se están a facer PCR ás profesionais con sospeita de terse infectado.

Unha vez máis Félix Rubial, xerente actual do CHUO, despreza ao persoal sanitario, eludindo un risco moi importante para a súa saúde pero tamén para a das persoas usuarias. Xa que a non asunción das mínimas medidas de prevención ante un posible contaxio, podería supor que calquera persoa traballadora servise coma vector da enfermidade no propio centro ou nos seus domicilios.

Desde Esquerda Unida enténdese que esta situación é dunha imprudencia intolerable e denuncia o continuo desprezo do SERGAS e da Consellería de Sanidade polo persoal do CHUO, que durante anos leva facendo públicas todo tipo de carencias que poñen en perigo a saúde de persoal e usuarias.

Así a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, lembraba que “nos últimos anos o persoal leva denunciando a presencia de ratas na cociña, pingueiras, chans irregulares, como na unidade de coronarias, supresión das prazas de formación de farmacia, recorte e mesmo eliminación de servizos, coma o caso da cirurxía pediátrica, ausencia de persoal suficiente en moitos servizos, coma pode ser medicina interna e un longo etcétera, sempre trufado de mal trato ao persoal e desprotección do mesmo.”

“No caso do Covid, a non realización de probas e a ausencia de medidas para previr a propagación entre as e os sanitarios é unha auténtica temeridade e significa unha desigualdade en relación a protocolos doutras áreas. Non se pode entender que unha e outra vez o SERGAS manexe normas internas distintas dependendo do lugar onde se apliquen e que case sempre Ourense sexa prexudicada neste baremo” indica Eva Solla.

Esquerda Unida dirixirá unha pregunta ao Parlamento de Galicia pola vía popular coa fin de que a Xunta de Galicia aclare que vai facer para protexer ao persoal do CHUO do Covid-19.


empleo público /  Galicia /  sanidad /