Redacción •  Galicia •  23/01/2023

Plataformas cidadás de Vigo convocan unha protesta conxunta co lema «Vigo somos todxs»

Será o 5 de febreiro, para reclamar unha cidade que “escoite e respecte” ao movemento asociativo.

Plataformas cidadás de Vigo convocan unha protesta conxunta co lema «Vigo somos todxs»

Vigo, 23 de xaneiro de 2023. Colectivos vigueses como AVIBE (Afectados Vial de Beade), Vigo Centro, Bembrive en Pé, Vigo Histórico, Grupos en Loita, Os Ninguéns e Defensa do Parque García Picher impulsan conxuntamente unha convocatoria para esixir que o Concello os escoite. Procedentes de ámbitos diversos, decatáronse de que tiñan o punto en común de sentirse “ninguneados” polo goberno municipal, polo que decidiron unir forzas para transmitir as súas demandas. Esta convocatoria terá lugar ás 12:00 horas do domingo 5 de febreiro na Porta do Sol.

Varios destes colectivos, que representan a veciñanza de todas as partes da cidade, levan meses e mesmo anos visibilizando as súas reivindicacións. En base á súa experiencia, afirman que, co gallo da maioría absoluta do goberno municipal, este “non negocia e non atende as críticas dos veciños e veciñas da cidade”, impulsando “actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas”. Denuncian ademais que, no momento en que discrepan con estas actuacións, o Concello pasa a ir “na nosa contra” en vez de dialogar.

Baixo o lema conxunto de “Vigo somos todxs”, tamén demandan un “modelo novo de cidade” que piorice “a calidade de vida fronte a inversión privada”, tendo en conta os desafíos de sustentabilidade e mobilidade que afronta a cidade. Este é o eixo central das reivindicacións de varias das asociacións impulsoras, como AVIBE e Bembrive en Pé, que protestan contra os proxectos do vial PO-010 e o novo tramo da A-52. Estes ameazan con “romper as parroquias” e «destruír un dos enclaves ecolóxicos máis importantes da cidade», sen contar con “con informes que avalen e xustifiquen ditas obras”.

A asociación Vigo Histórico tamén se formou cun obxectivo similar, para reclamar unha peonalización da zona vella que non incluíse o tunel, polos efectos no patrimonio que este está a ter. Tamén se denuncia a proliferación excesiva de gasoliñeiras xunto ás vivendas, ou a perda de zonas verdes e árbores na cidade, como ocorreu na Ronda Don Bosco, na Gran Vía ou no Castro, e como se pretende que ocorra tamén noutros espazos, como denuncia Defensa Parque García Picher.

Os problemas de tráfico, ruido, contaminación e mobilidade de Vigo víronse amplificados especialmente polo nadal , afectando totalmente á vida cotiá dos veciños, especialmente os do centro, que participan desta convocatoria esixindo que “se vele polo cumprimento dos seus dereitos fundamentais e pola protección de xardín histórico da Alameda” durante os dous meses de celebracións. Todo isto únese a problemáticas moi arraigadas na cidade como é a da pobreza, para a que asociacións como Os Ninguéns reclaman máis medios e actuacións.

O eido da cultura está representado nesta coordinadora Vigo Somos Todxs por Grupos en Loita, que agrupa a artistas musicais da cidade para reclamar mellores condicións nas salas de ensaio, a participación de bandas viguesas na programación municipal, e a fin das actuacións policiais inxustificadas contra concertos na cidade. Todas estas asociacións, de índole moi diversa, chaman á participación na protesta do 5 de febreiro na Porta do Sol por “unha cidade máis habitable e sustentable, que nos teña en conta a todos e todas e non reduza a marxinalidade as multiples asociacións e colectivos, os cales temos moito que decir e aportar polo Vigo que queremos”.


protesta ciudadana /