Redacción •  Galicia •  22/12/2025

Un ano máis, consumo responsable e boicot a Israel nas compras do Nadal

  • Ecoloxistas en Acción lembra que o suposto plan de paz en Gaza non detivo a masacre e reivindica o boicot no consumo nestas datas como ferramenta de presión política.
  • A campaña céntrase en sinalar a Carrefour, unha entidade que conta con máis de 50 establecementos en Israel e ten múltiples vínculos con empresas cómplices do xenocidio en Gaza.
  • A organización ecoloxista tamén difunde as súas habituais recomendacións festivas para gozar do descanso, os plans sinxelos, a boa compañía e contribuír a un mundo sustentable e xusto.
Un ano máis, consumo responsable e boicot a Israel nas compras do Nadal

En datas nas que se fala de paz, de amor e de estar na compaña de xente querida, Ecoloxistas en Acción lembra que a paz que anunciaron Donald Trump e Benjamin Netanyahu e entrou en vigor o pasado 10 de outubro non chegou. É máis, o xenocidio continúa en forma de ataques e asasinatos diarios, bloqueo de axuda humanitaria, abandono da poboación ante fortes temporais, ocupación e apartheid que se suma á colonización, expulsión e limpeza étnica do pobo palestino desde hai polo menos 75 anos. Todo iso unido a un ecocidio que, contaminando auga e arrasando cos cultivos, busca imposibilitar a vida da poboación palestina.

Por iso, e como parte dos seus consellos festivos, este ano a organización ecoloxista volve sumarse á campaña da plataforma Boicot, Desinversión e Sancións (BDS)  para facer un chamamento polo boicot nas compras: “Agora que se achega un dos períodos de maior consumo do ano, o boicot do consumo é unha ferramenta efectiva de presión social para frear as agresións de Israel baixo a complicidade da comunidade internacional”.

No centro da campaña de boicot sitúase Carrefour, unha multinacional que conta con máis de 50 establecementos en Israel, regalou lotes de produtos a soldados do exercito israelí, vende produtos fabricados en Israel e ten acordos e alianzas con empresas israelís activas na industria dos asentamentos ilegais en Cisxordania cómplices do xenocidio, tales como Electra Consumer Products, Yeinot Bitan ou o banco Hapolaim.

Ecoloxistas en Acción súmase á denuncia pública de Carrefour e ás mobilizacións que, durante os próximos días, se esperan en diferentes territorios do Estado español para sinalar a esta cadea de supermercados e informar á cidadanía da súa complicidade coas masacres do pobo palestino. Unhas mobilizacións ás que nas últimas semanas tamén recibiron cadeas de roupa como Zara ou restaurantes de comida rápida como McDonalds.

Segundo Enrique Quintanilla, portavoz da organización ecoloxista, “as campañas de desinversión e boicot contra estas empresas, coidadosamente seleccionadas, aumentan a presión sobre elas para que poñan fin á súa complicidade coa opresión do pobo palestino. Xa ocorreu no pasado, por exemplo, coa marca de roupa deportiva Puma, que hai un par de anos non renovou o seu contrato de patrocinio coa Asociación de Fútbol de Israel (IFA), que gobernaba e avogaba por manter equipos en asentamentos ilegais israelís en terras palestinas roubadas”.

Unhas festas con menos e mellor consumo 

Ecoloxistas en Acción chama ao boicot a Carrefour non só pola súa complicidade no xenocidio en Palestina, senón tamén polo modelo de consumo que reproduce. O seu funcionamento de gran distribución xera grandes impactos ambientais e sociais, xa que se basea nun modelo deslocalizado, derrochador de enerxía, xerador de desperdicio alimentario e de inxentes cantidades de envases, que xera menos postos de traballo que o pequeno comercio. Algo que aproveita o poder que lle outorga a súa ampla cota de mercado para impor prezos en orixe abusivos e que concentra a riqueza.

Como alternativas á compra en Carrefour, Ecoloxistas en Acción aposta por opcións máis xustas e sustentables ambientalmente como é o caso do pequeno comercio, que garante unha mellor distribución da riqueza e a creación de emprego. Tamén por opcións que apostan por relacións comerciais xustas e pola venda de produtos locais e de produción ecolóxica.

Como cada ano, a organización ecoloxista incide na súa aposta por un consumo no que os actores respecten os dereitos humanos, fronte ás inxustizas que esconde o modelo de consumo actual dominado por grandes empresas que antepoñen os beneficios económicos por encima das persoas.

Nesta liña, ademais de chamar ao boicot comercial a algunhas marcas, Ecoloxistas en Acción lembra os seus habituais consellos do Nadal, entre os que destaca descansar e gozar de plans sinxelos e en boa compañía. Ademais, pon o acento no mencionado consumo local, a aposta por agasallos (desde xoguetes a todo tipo de produtos e alimentos) procedentes da Economía Social e Solidaria ou do comercio local, subscricións a medios independentes e cooperativos e/ou agasallos non materiais en forma de tempo e momentos compartidos, a celebración de ceas  e comidas saborosas pero sustentables, e, en xeral, a redución do consumo e da pegada ecolóxica así como a promoción do activismo, o asociacionismo e o ecoloxismo social.

Luís Azorín, portavoz de Ecoloxistas en Acción, declarou: “As palabras de solidariedade e paz, tradicionalmente asociadas ás festas do Nadal, cada vez quedan máis esquecidas no vórtice consumista destas datas. Con todo, a masacre que o exército israelí está a perpetrar en Gaza fai imprescindible que deamos protagonismo a estes valores, transformando o tradicional consumismo desaforado nun consumo máis racional e crítico enfocado á defensa dos dereitos humanos”.


boicot a Israel /