Redacción •  Galicia •  21/02/2024

A CIG participa na Conferencia sobre “Presos Políticos en Turquía: O camiño da Liberdade e a Paz”

A central sindical saúda a resistencia do pobo kurdo e o seu compromiso coa xustiza e a liberdade.

A CIG participa na Conferencia sobre “Presos Políticos en Turquía: O camiño da Liberdade e a Paz”

Cando se cumpren xa 25 anos do secuestro de Abdullah Öcalan en Nairobi, a CIG, xunto con outras organizacións sindicais, políticas, de solidariedade, de defensa dos dereitos humanos, e representantes institucionais de distintos países, participou nunha Conferencia, celebrada o pasado sábado, día 16 de febreiro, no Parlamento Europeo, en Bruxelas, baixo o título de “Presos Políticos en Turquía: O camiño da Liberdade e da Paz”.

A conferencia foi organizada pola Comisión Cívica UE-Turquía e o Congreso Nacional do Kurdistán (KNK), para exixir a liberación do líder kurdo encarcerado Abdullah Öcalan e unha solución política para a cuestión kurda. Entre os patrocinadores do EUTCC atópanse a gañadora do Premio Nobel iraniano Shirin Ebadi, a embaixadora de boa vontade do Consello da UE Bianca Jagger, o profesor estadounidense do MIT no departamento de Lingüística e Filosofía, Noam Chomsky e a Premio Sájarov á Liberdade e o Pensamento do Parlamento Europeo turco e Premio Rafto, Leyla Zana. (Imaxes e vídeo desta conferencia)

A Conferencia, na que participaron máis de 60 persoas de 18 países diferentes, desenvolveuse en dúas sesións, unha primeira coa exposición de distintos/as poñentes, entre os que estaban o propio avogado de Öcalan e outros representantes institucionais e académicos. Na segunda sesión, abriuse a quenda para o resto de intervencións, que debatemos sobre a situación da causa kurda e o seu líder, e as propostas para buscar unha solución xusta ao conflito. Ao remate da reunión, aprobouse esta.

Resolución final:

A Conferencia Internacional sobre «Os Presos Políticos en Turquía: O camiño da Liberdade e a Paz», tratou o tema dos presos políticos kurdos e, especialmente, a cuestión do illamento do Líder Kurdo Abdullah Öcalan durante 3 anos, así como a solución política para a cuestión kurda. Distinguidos académicos, representantes sindicais, partidos políticos, defensores dos dereitos humanos, avogados, concelleiros/asl e parlamentarios que asistiron á nosa conferencia afirmaron claramente que a tortura e a situación ilegal á que están sometidos os presos políticos kurdos e o señor Öcalan son inaceptábeis.

Todas estas personalidades e representantes de institucións manifestaron o seu apoio á campaña «Liberdade para Öcalan e unha solución política á cuestión kurda» lanzada o 10 de outubro de 2023.

Os/as participantes están cada vez máis preocupados pola seguridade e o benestar do señor Öcalan. O illamento é recoñecido internacionalmente como unha forma de tortura. Que esta forma de tortura dure tres anos é extremadamente perigoso. O señor Öcalan está detido en illamento con efectos graves para a súa saúde física e mental. Non sabemos nada sobre o estado do señor Öcalan, máis aló do feito de que recibiu recentemente «medidas disciplinarias» para bloquear reunións con pretextos falsos e, supostamente, recibiu ameazas de morte.

Acordos adoptados

Na conferencia tamén se discutiron máis pasos e tomáronse as seguintes decisións:

  1. O illamento do señor Öcalan debe ser levantado de inmediato e o Consello Europeo debe intervir para que se reúna coa súa familia e os seus avogados.
  2. O líder kurdo, Abdullah Öcalan, debe ser autorizado a reunirse cos seus avogados e familiares e, en última instancia, ser liberado en condicións que lle permitan desempeñar un papel na procura dunha solución política xusta e democrática ao conflito kurdo de décadas en Turquía.
  3. Á luz da gravidade das recentes ameazas á vida do señor Öcalan, pedimos ao Comité de Ministros e á Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, á UE e á ONU que organicen unha misión “ad hoc” urxente para visitar a Abdullah Öcalan.
  4. Iniciar máis esforzos para dar a coñecer a alarmante situación á cidadanía na prensa internacional e local.

Membro fundador do PKK

Öcalan, membro fundador do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), dedicou a súa vida á loita polos dereitos e a liberación dos kurdos. O seu secuestro o 15 de febreiro de 1999 en Nairobi, Kenia, é un claro recordatorio das tácticas opresivas empregadas polo Estado turco e as forzas imperialistas para reprimir a disidencia e silenciar as voces que defenden a xustiza e a soberanía.

Institucións como a Unión Europea, o Consello de Europa e o CPT teñen a responsabilidade compartida de reparar esta inxustiza histórica. A súa intervención e defensa da liberdade de Öcalan poderían ser un paso importante para a reconciliación e unha paz duradeira na rexión. Ademais, é fundamental recoñecer o papel do apoio europeo no deslizamento de Turquía cara á autocracia nos últimos 25 anos. O apoio dos estados e institucións europeas permitiu a erosión dos valores democráticos e o fortalecemento das tendencias autoritarias en Turquía.

Manifestación pola liberdade de Öcalan

Ao día seguinte da Conferencia celebrouse, tamén para pedir a liberdade para Öcalan, unha manifestación histórica, na cidade de Colonia, Alemania, na que participaron decenas de miles de persoas. Nesta marcha tamén participarmos as organizacións sindicais convidadas, dando leitura, ao final, dun comunicado conxunto de oito organizacions sindicais das distintas nacións do estado español.

A CIG saúda a resistencia diaria do pobo kurdo, cuxo compromiso inquebrantable coa xustiza e a igualdade serve como un faro de esperanza para os pobos oprimidos de todo o mundo. “Estamos con todos aqueles que defenden a paz, a xustiza e o recoñecemento dos dereitos colectivos, na procura dun mundo libre de opresión, onde todos os pobos teñan o dereito á autodeterminación e á dignidade. A liberación de Abdullah Öcalan non é só unha cuestión de xustiza senón un paso crucial para unha paz duradeira e unha reconciliación no Kurdistán e máis aló”.


Kurdistán /