Redacción •  Galicia •  19/04/2025

Denuncian que o proxecto GS360 do Celta segue sendo un pelotazo urbanístico en terreos forestais

  • Ecoloxistas en Acción denuncia que a aprobación definitiva da ampliación da cidade deportiva do Celta en Mos como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), realizada pola Xunta, encubre unha operación de pelotazo urbanístico coa apropiación de terreo forestal para a súa posterior recualificación.
Denuncian que o proxecto GS360 do Celta segue sendo un pelotazo urbanístico en terreos forestais

Ecoloxistas en Acción denuncia que a recén declaración realizada pola Xunta de Galicia aprobando como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) a ampliación da cidade deportiva do Celta en Mos supón unha recalificación de solo rústico non urbanizable, que pasa a urbanizable. Para Xaquín Pastoriza, voceiro da organización ecoloxista, esta aprobación é “un pelotazo urbanístico en toda regra e unha apropiación de monte comunal, coa conseguinte perda de arboredo e biodiversidade, para entregalo a un proxecto privado, non a unha obra de interese pública, como un hospital.”

Sinalan tamén que a Xunta ampara así as numerosas ilegalidades cometidas desde o principio da construción da Cidade Deportiva do Real Club Celta, denunciadas pola Comunidade de Montes de Tameiga e Ecoloxistas en Acción. Ilegalidades confirmadas pola xustiza, xa que esta declarou en 2023 que a licenza para a construción fora ilegal. Ademais, estase a relizar unha fragmentación por fases do proxecto, o que permitu ao Celta eludir unha avaliación ambiental completa.

Para Ecoloxistas en Acción se ben é certo que o proxecto final supón unha rebaixa moi importante con respecto ao primeiro proxecto, aparellado cun macro centro comercial que devastaba máis de un millón e medio de metros cadrados, e incluso menor ao orixinal GS-360 que prevía a expropiación dunha gran superficie de monte comunal en Tameiga para construir un estadio de fútbol e un gran pavillón multiusos. Esta actuación debería terse desenvolvido nunha zona urbanizada cualificada para dotación deportiva e non nunha zona forestal.

Lembran que esta reducción do impacto do proxecto foi grazas á exemplar mobilización veciñal e do ecoloxismo galego que mantivo o pulso durante máis de seis anos. “Aledámonos desta vitoria da veciñanza comuneira de Tameiga, pero non podemos esquecer o papel do PP impulsando esta desfeita tanto a nivel municipal en Mos, como a través da Xunta de Galicia, que tenta enmascarar con esta declaración de PIA unha actuación ilegal”, declara Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción anuncia que seguirán vixiantes ante os pelotazos e as ilegalidades urbanísticas que se pretenden perpetrar no monte galego. Para a organización ecoloxista os montes comunais deberían ser unha figura de protección ambiental por si mesmos, xa que cumpren un papel fundamental na loita contra o cambio climático e polos servizos ecosistémicos que prestan á sociedade.


medio ambiente /