Redacción •  Galicia •  18/06/2021

Antón Sánchez: «O informe da UNESCO sobre a fracasada candidatura da Ribeira Sacra fai unha radiografía da desorde territorial fomentada a nivel galego polo PP de Feijóo»

O portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista analiza nas súas redes sociais as razóns da caída da candidatura do enclave galego da lista de Patrimonio Mundial tras un durísimo informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) logo de analizar a proposta. 

Antón Sánchez: «O informe da UNESCO sobre a fracasada candidatura da Ribeira Sacra fai unha radiografía da desorde territorial fomentada a nivel galego polo PP de Feijóo»

Para Antón Sánchez, a retirada pactada polos gobernos galego e español, alomenos ata o 2024, «fai unha radiografía da desorde territorial» fomentada polo PP de Feijóo dende o Goberno da Xunta produto das políticas dos populares «a prol da economía extractivista» no país, da completa ausencia «dunha planificación sostible pensada para o interese xeral» e incluso da falta de valoración do Executivo galego «da situación de despoboamento e envellecemento», factores todos eles que aparecen mencionados de maneira contundente como obstáculos insalvables para a candidatura.

O responsable político, que coñece o caso de primeira man logo do seu paso pola Cámara galega nas IX e X Lexislaturas, analiza o informe recordando que os encoros, dous de Naturgy e dous de Iberdrola, «son fundamentais» para comprender o contido do documento, reflexionando «cara onde van os beneficios e o emprego destas infraestruturas» logo da deslocalización dos seus centros operativos, «pasando a controlar os ríos galegos dende fora» e «eliminando gran parte dos poucos empregos creados na zona».

Parque eólico na contorna da Ribeira Sacra / Anova

Sánchez, que visitou a zona no ano 2019 para denunciar os impactos negativos da instalación de aeroxeradores na contorna, recorda que no informe do ICOMOS «os parques eólicos tamén son mencionados como obstáculos, tanto os presentes na zona candidata como os visibles». De feito, por aquel entón como deputado autonómico, o voceiro de Anova denunciou nunha Proposición Non de Lei (PNL) presentada na Cámara galega a incoherencia do Goberno Feijóo ao solicitar dende a Xunta a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade autorizando ao mesmo tempo proxectos eólicos «que prexudican claramente a súa candidatura».

Antón Sánchez denuncia que as políticas do PP comprometen o futuro ambiental, paisaxístico, social e económico» de Galiza / Anova

De igual maneira, Antón Sánchez considera «moi sangrante» as referencias do informe ás reforestacións levadas a cabo con monocultivos «que rachan a continuidade paisaxística entre os mosteiros e o río», fruto «da falla de vontade mostrada en décadas para planificar e zonificar o monte» evitando así «estes impactos e consecuencias». Na mesma liña, recorda que o texto da entidade da UNESCO denuncia o impacto das canteiras a ceo aberto, feito no que o Goberno galego mostra «cero preocupación» ao desoir durante anos os informes do Defensor del Pueblo acerca destas explotacións non restauradas, tolerando deste xeito «prácticas ilegais».

Para o portavoz nacional de Anova, o informe do ICOMOS supón «un resume completo das políticas practicadas dende San Caetano polo PP, vendidas como progreso», pero que sen embargo compromenten «o futuro ambiental, paisaxístico, social e económico» de Galiza, nun perfecto resumo «de como se vende a prezo de saldo un territorio con grande potencial para ser outra cousa».


Anova /  Anova-Irmandade Nacionalista /  Antón Sánchez /  Iberdrola /  ICOMOS /  Naturgy /  Parlamento de Galicia /  Partido Popular /  PP /  PPdeG /  Ribeira Sacra /  Unesco /  Xunta de Galicia /