Persoal de panaderías de Lugo intensifica as mobilizacións en demanda dun convenio digno
- Este xoves e venres desenvolveron concentracións diante do Carrefour e dun Gadis.

Persoal de panaderías de Lugo continuou este xoves e venres coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno con melloras salariais e laborais reais. Nesta ocasión, as protestas trasladáronse até a distribución para darlle visibilidade á loita e informar as persoas consumidoras das precarias condicións nas que se traballa neste sector.
Deste xeito, o xoves fíxose concentración na entrada do Carrefour e esta mañá as protestas chegaron ás portas dun supermercado Gadis, onde se denunciou que os salarios no sector están por debaixo do SMI. “Se queremos pan de calidade os salarios tamén teñen que ser de calidade”, aseveraba Antonio Niño, da CIG de Lugo-A Mariña. Advertiu que “a precariedade provoca que a xente marche do sector a outras actividades en busca de mellores soldos e condicións de traballo. De seguir así só nos quedarán as masas conxeladas”.
O convenio provincial de panaderías está vencido dende 2023 e as propostas trasladadas pola patronal na mesa de negociación “son de auténtica miseria”. A oferta patronal suporía seguir deixando a maioría das categorías por debaixo do salario mínimo interprofesional: o persoal axudante que no cobra antigüidade quedaría 955 euros por debaixo do SMI anual e para a categoría de oficial a diferenza sería de 431€.
Ademais, a patronal tampouco quere entrar a negociar unha redución da xornada laboral anual do convenio, que é unha das máis desfasadas xa que está nas 1826 horas; nin mellorar o pago da nocturnidade, malia a penosidade que supoñen os horarios laborais neste sector.
“O que estamos reclamando non é máis que garantir que ningunha categoría está por debaixo do SMI e unhas cantidades económicas adicionais, recortar a xornada máxima anual, e mellorar a nocturnidade”, subliña Niño.
En resposta ao inmobilismo patronal, as protestas continuarán adiante e xa están programadas novas concentracións en Sarria e na Mariña para as vindeiras semanas.