Galiza reclamará un monte galego con futuro na manifestación convocada para o domingo 14 de setembro, en Compostela
- Carril acusa ás políticas forestais do PP de ser “por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín”

Representantes das entidades que conforman a Plataforma «Por un Monte Galego con Futuro» fixeron, esta mañá, en rolda de prensa, un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para o vindeiro domingo, 14 de setembro, en Compostela, baixo o lema «A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis». Unha mobilización coa que se quere denunciar a responsabilidade da Xunta de Galiza nos devastadores incendios que arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente nas comarcas de Ourense, e exixir un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais.
Tal e como explicaron, o manifesto salienta que a vaga de incendios, que se estendeu de norte a sur e de leste a oeste de Galiza, é unha nova traxedia ambiental, social, cultural e económica, comparada cun “Prestige do interior” da que responsabilizaron á Xunta de Galiza polo abandono do rural, as políticas agrarias nefastas e o monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto. Causas que consideraron clave destes incendios, agravadas pola mudanza climática.
Xunto a isto criticaron a inacción do goberno galego do PP, que ano tras ano permite a propagación do lume en comarcas rurais e zonas próximas ás cidades, con extensións crecentes cando as condicións climáticas son adversas. Como tamén denunciaron as consecuencias que isto tivo, con persoas queimadas, casas arrasadas e milleiros de evacuadas, abandonadas pola Xunta ante a falta de medios. Unha situación fronte á que salientaron a resistencia das aldeas, co apoio de soutos, carballeiras e fragas, que “foi clave para salvar algunhas zonas”.
PLADIGA, ferramenta inútil
Foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que a loita por un monte galego vivo e con futuro vén de lonxe e que a última oportunidade que houbo para abordar esta cuestión foi a aprobación do Plan Forestal ou o debate do Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA). Unha ferramenta que consideraron “inútil” e do que denunciaron que foi aprobado sen debate no Consello Forestal e sen análise posterior dos lumes. Coa agravante de que, ademais, nese Consello, “non están representadas todas as organizacións”.
Por iso Carril reclamou outra política forestal e a necesidade de manter o monte vivo no actual contexto de mudanza climática. Nese sentido, afirmou que “os ecosistemas forestais, a vida e a actividade económica no rural, xogan un papel primordial para mitigar e minimizar o impacto do cambio climático” e acusou ás políticas forestais do Partido Popular de ser “por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín”.
A Plataforma manifestou a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores de prevención e extinción, que actuaron en precariedade, mentres o presidente Alfonso Rueda pedía axuda ao Estado con 190 prazas sen cubrir. Por iso, reclamaron un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, profesional e permanente, para facer fronte á extinción e prevención.
Exixiron a reactivación das liñas de axuda para a valorización do monte, as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) e o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron eficacia e lamentaron a perda de biodiversidade –bufo real, aguia real, lobo, oso pardo– e a degradación do solo, que dificultará a recuperación durante séculos.
Advertiron ademais das graves consecuencias para os sectores agrario e apícola porque cultivos, forraxe e zonas de alimentación das abellas foron destruídas, con recuperación a longo prazo e acusaron á Xunta de especular co monte, favorecendo multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras, advertindo contra o aproveitamento desta crise por lobbys interesados.