BNG propón un bono único de transporte por 30 €/mes e sufragar gafas e audiófonos ás persoas que non superan o SMI
Forman parte da batería de medidas de choque presentadas pola portavoz nacional, Ana Pontón, para axudar á cidadanía afrontar a carestía da vida.
Outras medidas: recuperar o complemento do bono social eléctrico, axudas para vivenda e duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas.
“A primeira obriga dun goberno é aportar solucións aos problemas que impactan no día a día da xente e para iso son estas propostas”, alega.

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou unha batería de medidas de choque, o denominado programa ‘Vida Digna’, deseñada polo goberno alternativo do BNG para axudar á cidadanía a afrontar a carestía da vida, en particular, “a quen máis o precisa”, subliñou.
Entre as medidas propostas, un bono único de transporte por 30 euros ao mes, sufragar a compra de gafas e audiófonos ás persoas que non superan o Salario Mínimo Interprofesional (SIM), duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, recuperar o complemento tamén autonómico do bono social eléctrico e térmico e prestacións complementarias para vivenda, ámbito no que o Bloque tamén propón medidas de carácter máis estrutural.
Propostas todas elas, alegou Pontón, coas que o Bloque pon o foco nos principais problemas que afectan aos galegos e ás galegas, “os que lles afectan de cheo no seu día a día”, e entre os que destacou a carestía da vida e o acceso á vivenda.

“Encher a cesta da compra é cada vez máis difícil polo incremento de prezos nun País no que temos as segundas pensións máis baixas do Estado e salarios por debaixo da media”, advertiu en primeiro lugar, logo da reunión do goberno alternativo do BNG para fixar as prioridades políticas neste inicio de ano, chegado case o ecuador do mandato.
E se a cesta da compra “subiu de maneira exponencial”, a líder nacionalista apuntou en segundo lugar á vivenda como un dos principais factores de exclusión social hoxe en día, con miles de galegos e galegas que, ou ben non poden pagar un piso, ou ben sofren serias dificultades para poder facelo.
“Non chegamos aquí por casualidade, detrás de toda a brutal especulación que hai coa vivenda, hai decisións políticas, como as que tomou durante 16 anos o Goberno do Partido Popular, que decidiu liquidar a política social de vivenda, deixando vía libre á especulación”, criticou.
A portavoz nacional apoiou a urxencia de actuar nos datos oficiais: a metade dos galegos e galegas tivo que reducir gastos para chegar a fin de mes; un 15% da poboación tivo que recortar en alimentación; 130.000 persoas teñen que destinar máis do 40% dos seus ingresos a pagar o alugueiro e, nunha Galiza rica en electricidade, o 21% da súa cidadanía padece pobreza enerxética, é dicir, unhas 300.000 persoas non poden prender a calefacción.
Neste contexto, defendeu as diferentes medidas de choque presentadas polo goberno alternativo do BNG no plan ‘Vida Digna’ e que foi explicando segundo os distintos ámbitos de actuación.
Recuperar a tarxeta básica
Así, avogou primeiro por recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos, que beneficiaría a 8.000 persoas e suporía un incremento de oito millóns de euros para que as familias con menos recursos poidan acceder a alimentos frescos e saudables e bens de primeira necesidade. Para iso, o Bloque propón reformar a Lei galega de Inclusión Social e regular a implantación desta tarxeta básica como un recurso de emerxencia para solicitantes de prestacións como a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital (IMV) mentres non comezan a percibila.
A segunda medida pasa por duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas para axudar así ás persoas pensionistas, tendo en conta que Galiza ten as segundas pensións máis baixas de todo o Estado.
En terceiro lugar, e en relación á pobreza enerxética, o goberno alternativo do BNG propón recuperar o complemento autonómico do bono social eléctrico e térmico, que debe ser abonado no primeiro trimestre do ano e onde considera preciso reducir burocracia e xestións complexas que fan que moitas persoas que o precisan non teñan acceso a este recurso.
Propostas en materia de vivenda
En materia de vivenda, Pontón destacou tres propostas concretas: a declaración de zonas tensionadas en todos os concellos de máis de 10.000 habitantes que sufriran un incremento do prezo do alugueiro de máis dun 20% no último lustro; un programa de compra pública de vivenda construída para destinala a alugueiro; e unha prestación complementaria de vivenda para as persoas beneficiarias da Risga ou do IMV.
Unha prestación, afondou, que se aplicaría aumentando o complemento de alugueiro da Risga do 10% ao 25% do IPREM e do 15% ao 40% no caso das familias con menores ou con persoas en situación de dependencia.
Nesta liña, outra das medidas defendidas polo Bloque é compatibilizar o cobro da Risga co Ingreso Mínimo Vital, dado que por si soas son “prestacións insuficientes” pero a suma de ámbalas dúas permitiría reforzar a axuda a aquelas “familias e persoas con menos recursos”.
Para iso, a formación nacionalista vai impulsar unha modificación da Lei de Inclusión Social, avanzou a líder nacionalista, quen afondou en dúas medidas máis dentro do plan de choque proposto polo BNG.
Unha, a creación dun bono único de transporte en Galiza que, cun custe de 30 euros mensuais, permita utilizar todos os medios, tanto de autobuses, como de transporte de ría, e no que se negociaría tamén a inclusión das liñas interiores de ferrocarril.
E a outra, subvencionar a compra de gafas e audiófonos, elementos imprescindibles para a saúde e o benestar de miles de galegos e de galegas, pero que supoñen un gasto extraordinario moi importante para moitas persoas. Neste sentido, recordou que actualmente as axudas que hai neste ámbito están moi limitadas, polo que a proposta nacionalista pasa por amplialas a todas as persoas que teñan uns ingresos que non superen o SMI.
“A primeira obriga dun goberno é aportar solucións aos problemas que teñen os cidadáns e, por iso, fronte a un goberno do PP sen alternativas e sen propostas, poñemos sobre a mesa medidas para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, sintetizou a líder nacionalista, quen apuntou ao plan ‘Vida Digna’ como unha batería de medidas de choque “para axudar ás persoas que o están pasando mal e que teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes polo aumento do custe da vida”, concluíu.
