Rego exixe ao Goberno español “rexeitar a escalada belicista da UE”
O deputado do BNG denuncia o silencio cómplice ante as ameazas de Trump e as aspiracións de limpeza étnica anunciada para Gaza.
O BNG reclama “mudar de rumbo” na política exterior do Goberno do Estado, rexeitando o imperialismo dos EUA, opóndose ao belicismo e ao aumento do gasto militar proposto pola UE.

O Bloque Nacionalista Galego leva ao Congreso a súa oposición á escalada militarista da Unión Europea e á submisión do Goberno do Estado ás políticas imperialistas dos Estados Unidos. O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia durante a interpelación do BNG ao Ministro de Asuntos Exteriores a falta de resposta ante as ameazas de Donald Trump, a hipocrisía da UE en materia de sancións e a intención de destinar 800.000 millóns de euros a un fondo de guerra. O BNG reafirma a súa defensa da paz, da soberanía dos pobos e das políticas sociais, reclamando unha mudanza de rumbo que aposte pola diplomacia e o desarmamento en lugar do aumento do gasto militar.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpela o Ministro de Asuntos Exteriores sobre a posición do Goberno do Estado frente ás ameazas e imposicións do novo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e sobre a deriva militarista da Unión Europea. O Bloque Nacionalista Galego denuncia o silencio cómplice do Executivo frente ás accións de Washington e reclama unha aposta decidida pola paz e a soberanía dos pobos.
Hipocrisía e silencio cómplice da UE frente ao imperialismo norteamericano
Néstor Rego cuestiona que o Goberno do Estado e a Unión Europea permanezan impasíbeis ante anuncios, realizados por Trump, de extrema gravidade como a imposición de aranceis comerciais ou as ameazas militares contra terceiros países, incluído un Estado membro da UE como Dinamarca. «O silencio frente a estas accións non só é preocupante senón que evidencia a total submisión aos intereses do imperialismo norteamericano» denuncia o deputado nacionalista.
Rego destaca especialmente a situación en Gaza, onde Trump anunciou a intención de proceder ao desprazamento forzoso de toda a poboación palestina para converter a zona nun resort baixo control estadounidense. «Falamos dun crime de lesa humanidade, dunha limpeza étnica anunciada publicamente, sen que o Estado ou a UE fixesen ningunha condena» critica o deputado.
O BNG denuncia que mentres a UE seguiu as directrices de Estados Unidos aplicando sancións masivas á Rusia, en ningún momento adoptou medidas semellantes contra o Estado sionista de Israel, a pesar do xenocidio en Gaza e da morte de máis de 50.000 persoas. «A hipocrisía da UE é evidente» afirma Rego. «Seguen unha política de total seguidismo do imperialismo estadounidense, mesmo cando este ameaza con tomar pola forza un territorio dun Estado membro, como no caso de Groenlandia».
Cambio de rumbo: contra a escalada militar, pola paz
O BNG reitera a súa oposición ao incremento do gasto militar na UE, que xa prevé un fondo de guerra de 800.000 millóns de euros. «Máis gasto militar non é sinónimo de máis seguridade. Éo de máis inestabilidade e de máis recortes sociais», asegura Rego. «Mentres algúns falan de investir 3% ou mesmo 5% do PIB en armamento, no BNG temos clara a nosa prioridade: se hai que escoller entre hospitais e bombas, escollemos hospitais; entre escolas e mísiles, escollemos escolas; entre vivendas e tanques, escollemos vivendas» reivindica o deputado do BNG no Congreso durante a interpelación.
Por este motivo, o deputado nacionalista urxe o Goberno a rexeitar a escalada militarista e apostar pola paz, a soberanía dos pobos e a defensa dos dereitos sociais. «O Estado debe rexeitar o fondo de guerra da UE, apostar pola saída da OTAN, impedir o uso das bases militares españolas para operacións inxerencistas e, sobre todo, mudar de rumbo para defender os intereses das maiorías sociais e non os do gran capital armamentístico» conclúe Rego.