Redacción •  Galicia •  12/11/2020

Ecoloxistas en Acción demanda á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a anulación da concesión ao Club Fluvial de Lugo ao atoparse en Rede Natura 2000

Ecoloxistas en Acción solicita ao organismo fluvial que saia en defensa do interese xeral anule a concesión ao Club Fluvial de Lugo pola cal lle permite manter unhas instalacións de uso privado na ribeira do río Miño.

Ecoloxistas en Acción demanda á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a anulación da concesión ao Club Fluvial de Lugo ao atoparse en Rede Natura 2000

A organización ecoloxista lembra que a concesión afecta a un espazo que se atopa dentro de Rede Natura e que ademais é zona núcleo da Reserva da Biosfera Miño-Támoga, e que a pesar desas proteccións, veuse utilizando durante décadas de forma privada e exclusiva polos membros desa sociedade ocupando cada vez, máis e máis, espazo do río e sen cumprir as condicións mínimas como son o respectar o camiño de servidume, tendo o conxunto da sociedade o dereito recoñecido pola Constitución española no seu artigo 132 de gozar das ribeiras dos ríos , e que tal como xestionouse durante anos e anos ,supuxo unha privatización consentida pola propia confederación dun ben de dominio público, impedindo o libre goce polo común das persoas. E denuncian que isto vén supoñendo a “expropiación encuberta” a favor dun ente privado e en contra do común dos veciños, dispoñendo ademais de zonas deportivas en zona inundable co consecuente risco para as persoas e para a correcta xestión das augas cando sobe o nivel.

A organización ecoloxista galega ten claro que a concesión é totalmente incompatible coa xestión do espazo que se pretende, carece de utilidade pública e responde exclusivamente a un interese privado. Sinalan que os ríos urbanos ofrecen múltiples beneficios ecolóxicos, producen seguridade á sociedade fronte ás ameazas naturais, tales como inundacións, control de escorrentías e en especial, os efectos do cambio climático. Defenden así que estes ríos deben ser considerados hábitats preferentes para a recreación da sociedade, protección da natureza e a biodiversidade e non tentar privatizalos como é o caso.

Ecoloxistas en Acción solicita tamén que mentres non se faga a recuperación, toda a zona sexa de uso público e de libre dispoñibilidade para o conxunto da cidadanía, impedindo por tanto calquera privatización ou mercantilización do espazo público fluvial e das ribeiras do río. As ecoloxistas sinalan que o Ministerio está tentando recuperar o dominio público marítimo, polo que agardan que en Lugo, os representantes do mesmo ministerio manteñan unha liña de actuación coherente e axeitada.


Club Fluvial de Lugo /  Confederación Hidrográfica Miño-Sil /  Ecoloxistas en Acción /  Rede Natura 2000 /  Reserva da Biosfera Miño-Támoga /