Redacción •  Galicia •  10/08/2025

A CIG denuncia na Inspección de Traballo a explotación laboral das traballadoras do Parador de Muxía

  • Santos Canosa afirma que teñen exceso de xornada “non pagada”, que se vulneran os seus dereitos sindicais e exixe sancións inmediatas para rematar con esta situación.
A CIG denuncia na Inspección de Traballo a explotación laboral das traballadoras do Parador de Muxía

A CIG vén de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) contra Eulen e Paradores Costa da Morte, polas graves vulneracións dos dereitos laborais das 15 traballadoras do Parador de Muxía, desde exceso de xornada non compensada ou falta de planificación laboral, até obstrución aos dereitos sindicais.

Segundo explica o secretario da Unión Local de Cee, Xabier Santos Canosa “as traballadoras, maioritariamente mulleres, están sometidas a prácticas laborais inaceptables”. As 15 empregadas de Eulen, 4 en limpeza e 11 como camareiras de piso, operan baixo contratos fixos-discontinuos con xornada parcial de cinco horas diarias, reguladas por convenios provinciais de limpeza de edificios e locais e de hostalaría. Porén, a súa realidade laboral “dista moito do marco legal”.

Nese sentido, Santos explica que desde hai meses, a CIG solicitou un espazo no centro de traballo para realizar asembleas e un taboleiro de anuncios. Solicitude á que recibiron una negativa por resposta.

A primeira petición fíxose verbalmente, e o 10 de xuño reforzouse por escrito mediante correos electrónicos. O secretario da Unión Local denuncia que “Eulen remítese ao Parador, dicindo que, como concesionaria, non ten dispoñibilidade de locais, e o Parador di que é competencia de Eulen”. Unha situación diante da que Santos denuncia que “entre uns e outros, impiden que as traballadoras se reúnan”.

Dereito á participación sindical

Para a CIG, con esta actitude vulnérase o dereito fundamental de reunión e información sindical, recoñecido no Estatuto das Persoas Traballadoras e na lexislación sindical. “Non hai resposta á nosa solicitude de espazo, o que é un ataque á liberdade sindical”, afirma Santos, destacando que esta obstrución impide ás traballadoras organizarse e consultar información relevante.

Xunto a isto denúnciase o exceso de xornada non compensado. Santos asegura que “as traballadoras realizan horas extras diariamente, sen que se rexistren nin se paguen”. Horas que non se compensan como horas complementarias, nin como ampliación de xornada, o que supón “un roubo descarado” e unha fraude nas cotizacións á Seguridade Social. “Isto prexudica as súas futuras prestacións, como pensións ou subsidios por desemprego”, engade.

A falta de planificación laboral agrava a situación. “Non existe un calendario laboral, nin de vacacións, e os descansos semanais de 48 horas non se respectan”. As traballadoras deben “dobrar quendas” para cubrir ausencias, permisos ou baixas por incapacidade temporal, sen compensación. “Teñen que xestionar os permisos retribuídos entre elas porque non se lles facilita”, lamenta Santos, sinalando que esta desorganización “imposibilita a conciliación familiar”.

O secretario da Unión Local de Cee critica, ante isto, a xestión do Parador de Muxía, que “ten unha ocupación case do 100% durante os nove meses de actividade, como recoñecen os propios medios”. A pesar destes resultados, “non se contrata persoal suficiente para garantir unhas condicións dignas”.

A denuncia tamén apunta á aplicación irregular dos convenios colectivos. No mesmo centro de traballo aplícanse distintos convenios: o de limpeza para as traballadoras de limpeza, o de hostalaría para as camareiras de piso, e mesmo o do metal, nalgúns casos. Isto crea “un batiburrillo” que complica a defensa dos dereitos laborais. Ademais, nas eleccións sindicais “non se fixo unha xestión adecuada, con mesas itinerantes que non garantiron a participación”, subliña Santos.

Para o secretario da Unión local de Cee, “o Parador da Costa da Morte proxecta unha imaxe de bonanza, pero as traballadoras están nunha situación de explotación”. Por iso critica que “se fale da marabilla do Parador, pero non se garantan os dereitos mínimos recollidos no convenio colectivo, como permisos retribuídos ou libranzas”. Situación diante da que a CIG exixe que ambas empresas “faciliten as rotacións, cumpran cos permisos e contraten o persoal necesario”.

Santos insiste en que “canta máis ocupación teña o Parador, mellor, pero iso implica aumentar os cadros de persoal, non explotar as traballadoras”. A alta ocupación, segundo a CIG, debería traducirse en mellores condicións, non en precariedade. “Non é aceptable que en 2025 as traballadoras estean sometidas a prácticas propias do século pasado”, declarou.


Inspección de Trabajo /