Redacción •  Galicia •  09/11/2021

Esquerda Unida cualifica os orzamentos da Xunta como os da descapitalización

Baixada de impostos que favorecen ás rendas altas, servizos sociais sen aumento de dotación, atención primaria e sanidade pública sen incremento para persoal ou a falta de melloras nas políticas públicas de emprego, son algúns dos apuntamentos detallados pola coordinadora de Esquerda Unida na rolda de prensa para valorar os orzamentos presentados polo goberno da Xunta de Galicia.

Esquerda Unida cualifica os orzamentos da Xunta como os da descapitalización

Así, Eva Solla cualifica os orzamentos como «os da descapitalización». Apunta a coordinadora de EU que «hai unha nova baixada de impostos que favorece ás grandes fortunas e que produce unha redución dos ingresos, así que cando en dous anos deixemos de ter fondos provenientes do goberno central e da UE en relación á COVID 19 non teremos recursos suficientes para afrontar as necesidades do sistema público e servizos sociais»

Centrándose nos servizos sociais e atención primaria, Eva Solla recalca  «que os servizos sociais non sofren ningún cambio na atención de maiores e dependentes a pesar das mortes que houbo durante a vaga da COVID e o nulo incremento na atención primaria e na sanidade publica para persoal a pesar das listas de agarda e as problemáticas nos centros de saúde» 

A desidia coas políticas activas de emprego, que tampouco cotemplan incremento algún nas súas partidas orzamentarias foi outro dos argumentos esgrimidos, para mostrar un posicionamento contrario cara estos orzamentos. 

Para finalizar Eva Solla afea ao goberno da Xunta respecto a as políticas de vivenda ao sinalar que «o incremento das partidas de vivenda que veñen dos recursos do goberno central, non están destinadas a crear ou mellorar o parque público de vivenda e por tanto non vai facilitar o acceso á vivenda que cada vez é máis difícil coa subida dos alugueiros no noso país».

En definitiva uns orzamentos profundamente decepcionantes e que non responden as necesidades reais das clases populares de Galicia.


Esquerda Unida /