BNG reclama a retirada do equipo israelí de La Vuelta Ciclista e exixe que a Xunta non participe nos actos das etapas en Galiza
- Olalla Rodil chama á sociedade galega a mobilizarse e a amosar o apoio do pobo galego ao pobo palestino.

A viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, expresou hoxe o rexeitamento da formación á participación dun equipo israelí na La Vuelta Ciclista e instou á súa retirada inmediata da competición. Lembrou que a Xunta de Galiza é patrocinadora do evento e advertiu de que “o Goberno galego non pode branquear a un Estado xenocida, nin contribuír a proxectar unha imaxe de normalidade cando se están cometendo atrocidades contra o pobo palestino”.
Rodil subliñou que, no caso de que o equipo israelí manteña a súa presenza, a Xunta debe renunciar a participar a través de calquera das súas consellerías nos actos institucionais ligados ás dúas etapas que transcorrerán por Galiza. “Non se pode manter unha actitude impasible porque o silencio fai cómplices”, afirmou.
A deputada nacionalista destacou a necesidade de que Galiza se sume ás mobilizacións que xa se están a desenvolver noutros territorios do Estado para denunciar “o xenocidio cometido polo Estado de Israel contra o pobo palestino, especialmente na Franxa de Gaza”. Rodil lembrou que “foron asasinadas máis de 60.000 persoas, estamos a ver crimes de guerra televisados, a fame utilizada como arma de guerra e unha violencia extrema contra milleiros de civís”.
Neste sentido, apelou á conciencia democrática e solidaria do pobo galego: “Animamos a todas as galegas e galegos a mobilizarse e a facer visíbel que Galiza está ao carón do pobo palestino e contra a barbarie que estamos a presenciar”.