Redacción •  Galicia •  06/07/2025

A CIG reitera que non hai causa obxectiva para o ERE de Einsa Print e pide a retirada do expediente

  • O persoal mobilizouse nas instalacións de Einsa Sourcing e nas Pontes en resposta á mala fe da empresa.
A CIG reitera que non hai causa obxectiva para o ERE de Einsa Print e pide a retirada do expediente

Na reunión deste venres do período de consultas, a CIG volveulle reclamar a Einsa Print a retirada do despedimento colectivo por carecer de causas obxectivas e que entregue as contas auditadas de 2024, tal e como obriga a lexislación. Para a central nacionalista os motivos que presenta a empresa son os mesmos que no anterior ERE polo que, na reunión prevista coa Xunta para o vindeiro venres, pedirá que se declare nulo e unha acción decidida da administración polo mantemento do emprego.

Nesta xornada, Einsa Print tamén presentou o plan de recolocación que “é igual ao do ERE de 2023, que non funcionou, por moito que se empeñen en dicir que foi un éxito”, advertiu Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol. “Non cremos nestes plans, polo que lle dixemos a empresa que se acometía os despedimentos se fixera cargo de organizar unha bolsa de traballo para recolocar o persoal neses novos proxectos que, parece, se van instalar nas naves; e se se fai formación, que esta corra a cargo de Einsa”.

Neste sentido, Vidal acusou a dirección de mala fe por ter ocultado que no día de onte persoal dunha compañía externa ía realizar catas nas naves. “Non é de recibo que nunha negociación traumática como esta, na que hai enriba da mesa cen despedimentos, a empresa faga este tipo de manobras. Parece sospeitoso que teña os seus traballadores e traballadoras na casa cun permiso retribuído -cando ademais pretende alegar causas económicas- e apareza unha empresa para facer sondeos. Dá a impresión de que quería ocultar estas accións ao persoal por se adoptaban algún tipo de medida de presión”.

Precisamente, apuntou Vidal, estes traballos na nave xeraron un profundo malestar entre as traballadores e traballadores que a primeira hora desta mañá se trasladaron até as instalacións de Einsa Sourcing para protestar por este proceder e despois levaron as mobilizacións ás portas de Einsa Print no Polígono de Penapurreira, onde se ía celebrar a xuntanza.

Así as cousas, o persoal continuará coas mobilizacións polo mantemento do emprego e para demandar das administracións que impidan este “pelotazo empresarial” xa que todo indica que o obxectivo final de Einsa é un cambio de actividade e sacar proveito das naves e terreos que adquiriu a prezo vantaxoso e con substanciosas axudas públicas.


ERE /