«Unha chafallada de estudo pretende determinar a explotación futura destas comarcas»
- Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova avanza oposición ao novo proxecto de explotación eólica no Monte Grande, calcado ao que se freou no 2023 e con impactos máis graves sobre as zonas protexidas da Limia e aa augas e a paisaxe de Bande e a área de Celanova.

Acaba de saír a exposición pública a solicitude de construción dun macropolígono de produción eólica no Monte Grande, denominado Cantanarrás, que pretende chantar 10 aeroxeradores de case 200 metros de altura onde non se pode, onde a Administración galega xa lle dixo no 2023 a Greenalia que non se podía: na mesma área de desenvolvemento eólico do Vieiro na que, en 2023, obtiveron sendas DIA desfavorábeis os proxectos de macropolígonos Monte da Neve e Fontesanta.
Agora, unha nova empresa, neste caso Vestas, multinacional dinamarquesa dedicada a produción de turbinas e agora metida a promotora de polígonos (a burbulla vaise vendo cada vez máis grande) volve cun plan calcado ao de Fontesanta: que non resolve ningún dos impactos polos que se descartou aquel plan, porque a fauna e o territorio non mudaron nestes cinco anos, e mesmo os agrava, xa que debuxa varios aeroxeradores na zona de Congostro -linde entre Bande e Rairiz- a apenas uns quilómetros da ZEPA A Limia, o LIC/ZEC Veiga de Ponteliñares, a Área Prioritaria de Avifauna Ameazada e as Zonas 1 e 2 do Plan de Xestión do Lobo.
Desde a plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA alertamos de que o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) co que a empresa Tuñas Eólica SL -pantalla da multinacional Vestas- solicita á autorización é unha chafallada que pretende determinar a futura explotación do recurso eólico destas comarcas da Limia e da Terra de Celanova.
Nos próximos días presentaremos alegacións e difundirémolas para que veciñas e veciños, colectivos civís e as corporacións municipais afectadas -o plan inclúe unha LAT desde Bande a Castrelo do Miño que pasa por Verea, Celanova, Ramirás e Cartelle nun percorrido de 34 quilómetros con impactos paisaxísticos e patrimoniais, bens públicos en definitiva, moi severos- teñan un instrumento de oposición, e valoraremos como mide o EIA os efectos sinérxicos para tratar de escondelos…
Mais para definir a chapuza aludiremos a un par de detalles do estudo que revelan a desidia coa que as corporacións cumpren un trámite que teñen gañado con outras artes, a falta de responsabilidade dos actores empresariais na intervención sobre bens comúns e prepotencia destas compañía diante de administracións entregadas ao discurso do lucro da transición ecolóxica.
HUMIDAL “DESAPARECIDO”
A corenta metros do parque eólico Cantanarrás hai un humidal, a Lagoa Grande, catalogado e protexido pola Xunta desde febreiro de 2024, cos seus datos, coordenadas e superficie publicados no Diario Oficial de Galiza.
A Lagoa Grande é moito máis: é un elemento central do ecosistema do Monte Grande e unha referencia central para a comunidade que habita o territorio.
O estudo de impacto ambiental menciona a Lagoa Grande de pasada, cítaa cun código de referencia vello, e conclúe que «non hai afección» porque queda fóra da poligonal. Punto final. Coma se un humidal soubese de límites administrativos, coma se a auga preguntase antes de escorrer por onde lle convén ao promotor que non escorrese.
O curioso é que o propio estudo de fauna do promotor rexistrou aves alí.
Non foron quen de ver o que tiñan diante e recollido no seu propio traballo de campo?, que grao de confianza lle podemos ter ao resto dun documento de máis de 1.900 páxinas? Porque se falla no doado —o que está preto, o que está catalogado, o que os seus propios técnicos viron— cómpre preguntarse con que rigor se analizou o difícil: os efectos acumulativos con outros parques, os riscos para as augas de abastecemento…
MAMOA “INDEFINIDA”
O estudo de impacto ambiental do parque eólico Cantanarrás recoñece que hai un elemento do patrimonio cultural —unha mámoa— que sofre o peor grao de impacto posible entre os avaliados no proxecto. O problema é que o propio documento non se pon de acordo consigo mesmo sobre canto de grave é ese impacto.
No corpo principal do estudo, o promotor afirma que, dos 25 elementos patrimoniais analizados, un ten un impacto «severo»: a Mámoa da Gándara Chá. É a máxima cualificación de gravidade que contempla o propio documento.
Pero no anexo técnico dos arqueólogos, resulta que ese mesmo elemento, coa mesma medida correctora proposta (facer sondaxes para ver se aínda quedan restos baixo terra), está clasificado como «moderado».
Se un estudo de máis de 1.900 páxinas non é quen de manter coherente o dato máis sinxelo de verificar —o que di el mesmo sobre el mesmo—, cabe preguntarse con que rigor se trataron as cuestións máis complexas: os efectos acumulativos, os riscos para a auga, a fauna protexida…
SEGUEN NEGANDO A PARTICIPACIÓN
Por que pasa isto? Por que a Administración consinte en admitir semellante chapuza?
O estudo baséase integramente en análises técnicas de gabinete, sen que conste ningún proceso de consulta á poboación local, aos concellos afectados, nin a colectivos veciñais, sinaladamente sobre a percepción social da paisaxe da comarca.
O art. 5.c do Convenio Europeo da Paisaxe obriga a establecer procedementos de participación do público, das autoridades locais e rexionais, e doutras partes interesadas na formulación e aplicación das políticas de paisaxe. O art. 10.2 da Lei 7/2008 dispón que os Obxectivos de Calidade Paisaxística expresan as «aspiracións da cidadanía» e deben fixarse mediante un proceso de participación pública.
Mais aquí, coma aconteceu e acontece en todos os demais procedementos no que actores privados que pretenden espoliar os recursos do territorio con prácticas colonialistas, nin se documenta nin se acredita proceso ningún de participación social específico na caracterización da paisaxe afectada.
Non preguntan porque non lles interesa o que temos dicir: que o territorio non lles pertence.

Inventario de zonas húmedas de Galicia no 2024.
Relacionado
Información en la que puede confiar:
Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com
